A Estación de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia forma a viticultores e adegueiros
Por Redacción
A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), ubicada en Ribadumia, acollerá a partir da primeira semana de outubro un curso sobre a elaboración de viños e derivados.
O obxectivo é formar a viticultores e adegueiros e a persoas que desexen incorporarse ao sector sobre os temas máis importantes vencellados coa enoloxía, abordando cuestións e aspectos para logo poñer en práctica nas súas explotacións.
A acción formativa, impulsada pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), comezará o luns, 4 de outubro e terá unha duración de 40 horas, repartidas nun total de 14 días en horario de 19:00 a 22:00 horas.
O curso está destinado a titulares, cotitulares e familiares que traballen en explotacións agrarias (preferentemente vitícolas), traballadores por conta allea que traballan en explotacións agrarias, socios ou empregados de asociacións con personalidade xurídica do ámbito agrario, mozas e mozos que desexen incorporarse ao sector ou continuar coa súa formación e, en xeral, persoas interesadas que desenvolvan actividades relacionadas coa enoloxía.
Durante o curso, vaise abordar a xestión da calidade da uva e da colleita, tanto na vendima como na recepción do froito na adega. Ademais, analizaranse os procesos e técnicas de elaboración de viños brancos e tintos, así como doutros caldos especiais como son os espumosos, rosados e doces. Na parte técnica, trataranse os controis e seguimento dos procesos e prevención das alteracións enolóxicas e as determinacións analíticas na elaboración e interpretación do boletín de análise.
Tamén se lles ensinará aos asistentes os conceptos básicos de introdución á cata de viños para logo levar a cabo un taller de recoñecemento dos compostos do viño polos diferentes selos de calidade dos viños galegos. Finalmente, rematarase esta acción formativa cun módulo sobre marketing.
Os interesados teñen ata o 1 de outubro para inscribirse neste curso e poden facelo a través do formulario de solicitude de asistentes dispoñible en https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021.
As solicitudes deberán remitirse ao correo electrónico evega.ribadumia.medio-rural@xunta.gal ou realizarse por teléfono no número 886 159 412.
Relacionadas:
-
A Xunta completa melloras en pistas municipais de tres parroquias de Ribadumia
Por Redacción |
-
O Mercado celebra a súa particular vendima cunha cata de uvas e viño
Por Redacción |
-
Rías Baixas chega ao ecuador da vendima con 28 millóns de quilos de uva recollidos
Por Redacción |
-
Esta fin de semana empeza a vendima 2021, que prevé unha colleita de uva superior ao pasado ano
Por Oskar Viéitez |