A Deputación fará achegas á Declaración de Bilbao por unha mobilidade urbana máis sostible, coa que concorda ao 85%
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra anuncia que fará achegas á II Declaración de Bilbao 'Cara unha Mobilidade Urbana máis Sostible', á que se adheriu cun acordo aprobado unanimemente polo último Pleno da Corporación.
Con esta adhesión, tal e como se anunciou o venres, a administración provincial comprométese a favorecer marcos normativos que permitan o desenvolvemento de novos modelos de mobilidade, que aseguren a sustentabilidade ambiental e o benestar social e incentivar o desenvolvemento socioeconómico baseado na mobilidade sostible.
A Deputación considera que este pacto local pola mobilidade, que é froito do último Congreso SUM (Sustainable Urban Mobility) celebrado na capital biscaíña en 2019, é un paso adiante, pero anuncia que fará achegas porque, segundo indicou a presidenta, Carmela Silva, está de acordo "ao 85%".
Carmela Silva agradeceu a unanimidade do Pleno e explicou que a Declaración de Bilbao quedou pechada cunha lista de 13 obxectivos, pero considera que "faltan algúns puntos de vista potentes", como a recuperación dos espazos públicos.
A presidenta opina que "está moi ben impulsar as motorizacións eléctricas en lugar dos motores de combustión", pero os vehículos só deben estar no espazo público que corresponde ás persoas cando sexa necesario.
Ademais, presidenta engadiu que a Dirección Xeral de Tráfico xa ten recoñecido o papel de referencia que xoga a provincia de Pontevedra nesta transformación, polo que a Deputación "participará activamente para defender posturas máis avanzadas", cando o debate se retome na próxima edición da cita.