A choiva non pode coas ganas de verbena
Por Redacción & Cristina Saiz
As coñecidas orquestras Marbella, La Oca, Triunfo, Televisión, Samba, América SL e Fama volveron encher de música de verbena o exterior do Pazo da Cultura de Pontevedra este domingo dentro da programación deseñada pola Xunta de Galicia para apoiar o sector da música de verbena.
As previsións meteorolóxicas adversas e a choiva leve que finalmente caeu por momentos neste recinto da avenida Alexandre Bóveda non impediu que os pontevedreses acudiran á convocatoria desta macroverbena. Varios centos de persoas desprazáronse ata o recinto de xeito escalonado durante a tarde.
Este festival con sete orquestras é un dos sete organizados en toda Galicia, nos que se deron cita 50 coñecidas orquestras galegas, e que forman parte da programación do Xacobeo 21-22.
A cita tiña unha capacidade máxima para 1.000 persoas de pé e con división en sectores para garantir a distancia e o resto de medidas de seguridade. Para asistir, as persoas participantes tiveron que inscribirse previamente.