As obras de reparación de Xosé Malvar obrigan a limitar o tráfico segundo o peso dos vehículos
Por Redacción & Cristina Saiz
Este martes 28 de setembro comezan as obras para reparar a rúa Xosé Malvar no tramo polo que cruza o regacho de Valdecorvos, no espazo situado antes de chegar á rotonda que conecta co barrio de Valdecorvos, en dirección á Ponte das Correntes.
Está previsto o cambio do tubo de aceiro que canaliza este regacho por outro de igual capacidade elaborado por formigón armado, debido a que o firme se atopa repisado, segundo informan desde o Concello de Pontevedra.
A obra acometerase en tres fases e estenderase ao longo de seis semanas. Para que a circulación véxase minimamente afectada estableceuse un protocolo de actuación por parte da Policía Local.
Durante a primeira semana, o tráfico apenas sufrirá limitacións. Será na segunda semana cando será preciso prohibir parte da circulación atendendo ao peso dos vehículos. Espérase tamén que se produzan aglomeracións de tráfico rodado nesta zona debido a estas actuacións.
Os vehículos pesados serán desviados, agás no caso de transporte público e escolar. En todo caso, a Policía Local recomenda evitar a circulación por este tramo con calquera vehículo para evitar retencións.
Na primeira fase abrirase un foxo de máis de dez metros, deixando libre un espazo tamén de máis de 10 metros no que se establecerán dous carrís de circulación, de subida e baixada, ademais dun paso de peóns. Cambiarase o tubo no carril de subida de Xosé Malvar. O tráfico pesado será desviado pola zona da Seca, mentres que os autobuses poderán acceder en dirección subida por Xosé Malvar e baixar por Casimiro Gómez, durante as tres fases de reparación.
A segunda fase concentrarase no cambio central da canalización, coa posta en marcha de carrís de subida e baixada ao redor da gabia aberta. E xa na terceira fase, substituirase o carril de baixada, co traslado do paso de vehículo e peóns alén da rúa.