Seis anos poñendo en valor os espazos públicos no rural
Por Redacción
"Especies de espazos" é un proxecto de investigación e posta en valor dos espazos públicos no rural que se desenrola no Concello de Barro. Este ano ven de realizar a súa sexta edición ininterrompida dende o 2016. Está organizado polo Colectivo Espazo 16 e coordinado pola arquitecta Sheila García.
A longo desta fin de semana, máis de 80 persoas participaron nas diferentes actividades lúdicas que tiveron lugar. Un autocine, onde se proxectou o filme a “Illa das mentiras” de Paula Cons, un obradorio de deseño dun bosque comestible, dirixido polo doutor en investigación agraria e forestal Gaspar Bernárdez e un encontro de formación e emprendemento no rural no que participaron os proxectos de Sende, un espazo coworking rural no parque nacional Xurés ; Líncora - Alemparte, un proxecto educativo e artístico que está a nacer no corazón da Ribeira Sacra e Cienporcel, un proxecto de gandeiría e agricultura sostible en Osmo ,a primeira aldea modelo galega.
O domingo, guiados polo historiador Roberto Rivas, realizouse un roteiro guiado polo patrimonio natural e construído do Monte da Chan ou Chan de Güimil que rematou cunha actuación musical de Zeltia Irevire na canteira abandonada da ladeira norte.
Neste percorrido instaláronse uns códigos QR, deseñados polo arqueólogo Roberto Aboal, onde se pode consultar toda a información patrimonial do Monte da Chan. Deste xeito os visitantes se acheguen os vindeiros días a pasear por este lugar terán acceso a esta información e poderán realizar o roteiro guiado.