Peche dos obradoiros de emprego en Vilagarcía á vez que se abre unha nova convocatoria
Por Redacción
O Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa acollía este luns o acto oficial de clausura do obradoiro de emprego dual Forme 2020. Na entrega de diplomas estiveron presentes o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela.
Esta iniciativa laboral autonómica, financiada con 350.000 euros por parte da Consellería de Emprego e Igualdade, formou a unha vintena de persoas desempregadas durante os últimos nove meses nos módulos de Atención Sociosanitaria en Domicilio e Teleasistencia e Traballos de Carpintaría e Moble.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra cualificaba este luns a Vilagarcía de Arousa como "un dos concellos prioritarios" para o Goberno galego nos ámbitos da formación laboral, a inserción e a creación de emprego.
"Vilagarcía de Arousa e a comarca do Salnés son un dos motores económicos da provincia e por iso estamos destinando numerosos recursos para mellorar a empregabilidade dos seus veciños. Na comarca estamos a impulsar cinco novos obradoiros de emprego e preto de 50 cursos AFD", detallou o representante autonómico.
NOVO OBRADOIRO FORME 2021
Neste acto, o representante autonómico anunciaba que a Xunta vaille outorgar continuidade a este labor formativo, xa que acaba de conceder ao Concello de Vilagarcía de Arousa o obradoiro de emprego dual Forme 2021, que comezará co seu proceso de selección dos vinte novos participantes para arrancar coas súas actividades no mes de outubro. Nesta ocasión, manterase o módulo de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio e incorpórase, como novidade, a ensinanza de Operacións Auxiliares de Redes Eléctricas.
Deste xeito, a Xunta de Galicia vai poñer en marcha, dende o vindeiro mes, cinco obradoiros de emprego e 47 cursos AFD de formación para desempregados na comarca do Salnés que permitirán mellorar a empregabilidade duns 800 arousáns.