Portonovo celebra esta fin de semana a súa terceira Festa da Empanada Mariñeira
Por Redacción
Ata dezaseis recheos diferentes poderá probar o público que asista á terceira edición da Festa da Empanada Mariñeira, que se celebrará esta fin de semana na lonxa de Portonovo.
O abanico de ofertas de empanada ampliarase este ano con tres novos produtos: bonito, mexillóns e peixe espada. Uniranse ás clásicas de xoubas, berberechos, polbo, xarda, navallas, choco, congro, vieiras, anguía, algas, zamburiñas e outros produtos do mar.
Os prezos por ración de empanada serán populares, a partir dos 3 euros.
A cita, organizada polo Club de Piragüismo e a Confraría de Pescadores, foi presentada este martes na zona de poxas da lonxa.
A Festa da Empanada Mariñeira inaugurarase este sábado, ás 13 horas, coa apertura dos postos de degustación. Haberá tamén unha exposición de embarcacións artesanais e artes de pesca, dúas showcookings e unha actuación musical ás 20:30 horas.
O domingo, os postos de degustación abriranse unha hora antes, ás 12 horas. A partir de aí, haberá unha maridaxe de empanada e viños galegos, a actuación de Xirin e amigos e un obradoiro infantil de elaboración de empanadas.
CONCURSO DE EMPANADAS
Ademais, o domingo día 3 celebrarase o concurso popular para elixir a mellor empanada. A inscrición é gratuíta e pode presentarse calquera persoa maior de 18 anos.
Os interesados poderán anotarse no correo electrónico mjcastro@gruponortemca.es, no teléfono 986 861 343 ou o mesmo día no punto de información habilitado na lonxa.
A cata das empanadas será realizada por un xurado profesional e haberá premios para os tres primeiros clasificados.