O remanente de tesourería de Barro destinarase a mellorar a rede viaria, o saneamento e instalacións municipais
Por Redacción
O Concello de Barro aprobará unha modificación de crédito por valor de 369.349,33 euros que se dedicarán a proxectos para a mellora da rede viaria, do saneamento, de equipamentos e instalacións e bens municipais.
Estes preto de 370.000 euros proveñen do remanente de tesourería das contas municipais e poderán destinarse a estes fins despois da súa aprobación no pleno ordinario do mes de setembro, que se celebrará este mércores.
A mellora da rede viaria do municipio centra a parte principal das inversións, 109.562.55 euros que destinará a distintos proxectos. Tamén se dedicarán 35.741,48 euros a melloras e ampliación na rede de saneamento, 104.020 euros á mellora de equipamentos e instalacións municipais, 40.265,7 euros para seguir executando proxectos de aforro enerxético coa substitución de luminarias no alumeado público e 29.000 euros a actuacións de divulgación e conservación do patrimonio, entre as que estará a rehabilitación da capela do San Marco, de titularidade municipal.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, destaca que esta modificación de crédito permitirá seguir executando proxectos e avanzando na mellora das instalacións e dos servizos municipais.
En total, ao longo deste ano o Goberno municipal dedica un total de 770.000 euros do aforro a distintas actuacións e proxectos.