A Xunta concedeu 183.000 euros en axudas para 34 axencias de viaxes da provincia
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vén de abrir unha nova convocatoria de axudas para as axencias de viaxes, destinada principalmente aos gastos de mantemento da súa actividade consistentes en alugueiros ou préstamos hipotecarios, tras conceder recentemente achegas por 183.000 euros a 34 establecementos da provincia na primeira convocatoria.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou este mércores desta orde nunha visita a Viajes Arany, emprazado na rúa Cruz Gallastegui de Pontevedra e que xa foi beneficiario das axudas autonómicas na primeira quenda.
Esta nova convocatoria deteminarase en réxime de concorrencia non competitiva e ten aberto o seu prazo de solicitude ata o vindeiro 11 de outubro. Conta cunha partida global de 350.000 euros e financiará ata o 90% dos gastos de alugueiro ou de préstamos hipotecarios sobre o local no que se exerza a actividade ata un límite máximo de 10.000 euros e no período comprendido entre o pasado 1 de xullo e o próximo 31 de outubro. Por riba desta contía a achega da Xunta situarase nun máximo do 80%.
O representante autonómico concretou que con estas accións preténdese "reaccionar fronte á crise garantindo a actividade, renovar o sector na busca dun incremento da calidade e impulsar a súa modernización para o Xacobeo 2022 e os anos seguintes".
Concello | Beneficiarios | Achegas |
Pontevedra | 10 | 30.033 euros |
Vilagarcía | 4 | 16.020 euros |
Marín | 3 | 5.634 euros |
Caldas | 1 | 2.278 euros |
Meaño | 1 | 1.080 euros |
Sanxenxo | 5 | 99.180 euros |
Cambados | 4 | 7.256 euros |
Bueu | 1 | 2.139 euros |
O Grove | 1 | 540 euros |