A Facultade Ágora abordará o xogo libre da infancia no espazo público como indicador de calidade nas cidades
Por Redacción
O papel da infancia no espazo público e a importancia de considerar o xogo libre como indicador de calidade en vilas e cidades serán dous aspectos que se abordarán este venres nun novo seminario da Facultade Ágora titulado 'O hábitat xogable'.
De maneira mixta, presencial e en liña, representantes políticos e técnicos da provincia escoitarán os relatorios do pedagogo Francesco Tonucci, a xeógrafa Marta Román, o pediatra Juan Gil, a antropóloga María Masaguer e o arquitecto Martín Barreiro.
Con esta nova xornada da Facultade Ágora continuarase o módulo 'O medio habitable'.
Este venres darase un paso máis para falar da necesidade de converter as cidades en hábitats axeitados para o desenvolvemento das persoas, fundamentalmente dende o punto de vista social e en concreto dende a perspectiva da infancia.
Entre o plantel do profesorado estará en conexión en liña o pensador, psicopedagogo e debuxante italiano xa ben coñecido na cidade de Pontevedra, Francesco Tonucci, responsable do proxecto internacional 'A cidade das nenas e dos nenos'.
Outra das profesoras da xornada, que estará no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra de maneira presencia, será Marta Román, xeógrafa que traballa como consultora en Gea21, experta en integrar a perspectiva de xénero e xeración no urbanismo, e autora de numerosos artigos e de varios libros de referencia relacionados coa situación da infancia no espazo urbano.
Tamén achegará a súa visión das cidades o pediatra Juan Gil Arrones, que é o secretario da Sociedade Española de Pediatría Social, e membro de numerosos grupos de traballo para o benestar da infancia.
Finalmente, a historiadora-antropóloga María Masaguer Otero e o arquitecto-urbanista Martín Barreiro achegarán solucións de recuperación de espazos, novas formas de habitar, desprazarse e usar o territorio pola infancia postas en práctica na provincia de Pontevedra.
A Facultade Ágora é unha iniciativa formativa posta en marcha polo departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra co fin de facilitar o coñecemento das últimas innovacións e investigacións en materia de mobilidade e espazos públicos a representantes políticos e persoal técnico dos concellos da provincia, persoas con máxima decisión sobre o deseño do espazo público para mellorar a vida da veciñanza.
Relacionadas:
-
Regresa a Facultade Ágora coa intención de se converter no Laboratorio I+D+i do espazo público
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Recuperar as cidades para as persoas é chave para acadar máis poboación, mellora económica e inclusión social
Por Oskar Viéitez |
-
Debaten como a mellora do espazo público converte ás cidades en "localidades atractivas"
Por Redacción |
-
Tonucci asegura que unha cidade está enferma se desaparecen os nenos das rúas
Por Redacción |
-
Uxío Benítez traslada a un foro na Coruña a 'Fórmula Ágora' para fomentar o espazo público
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora reflexiona sobre o ‘Hábitat saudable e biodiverso’
Por Redacción |
-
Retornan as sesións da Facultade Ágora coa directora de Saúde Pública da OMS
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora acolle un último seminario sobre "Mobilidades alternativas" antes do parón do verán
Por Oskar Viéitez |