José Balseiros, Fortes Muradás e Álvarez Sanmartín recibirán unha homenaxe de Amigos da Terra de Montes
Por Redacción
A Asociación Amigos da Terra de Montes impoñerá as insignias de ouro deste colectivo a José Balseiros Guinarte (Cerdedo-Cotobade); José Fortes Muradás (Beariz) e José María Álvarez Sanmartín (Forcarei) este sábado 2 de outubro no Auditorio do Centro Cultural de Cerdedo.
En leste mesmo escenario desenvolverase durante os días 1 e 2 a xuntanza anual de valedores de Terra de Montes. O venres, ás 19.30 horas, oficiarase unha misa na igrexa parroquial de San Xoán Bautista de Cerdedo en memoria das persoas falecidas durante os últimos anos, entre os que destacan Manuel Diz Ramos, Luís Caramés Viéitez, José Francisco Bouzas, Adolfo Cabada Castro e Manuel Espiña Gamallo.
Durante a xornada do sábado, ás 16.30 horas, desenvolverase a asemblea xeral ordinaria desta asociación e, a continuación, realizarase a homenaxe aos tres homes que recibirán as insignias de ouro.
Por último, está prevista a presentación do libro 'Fidalguía e Heráldica da Terra de Montes', do catedrático e investigador, natural de Soutelo de Montes, José Manuel Bértolo Ballesteros.
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, trasladaba a súa satisfacción pola homenaxe que recibirá José Balseiros ao entender que demostrou durante a súa traxectoria profesional a súa implicación directa na defensa da Terra de Montes e defensor das demandas das persoas e dos territorios que conforman este espazo de convivencia natural, social e económica.
Os actos serán abertos á cidadanía coa obriga de asistir con máscaras en todo momento e gardar a distancia social.