A provincia consolida o seu liderado turístico en Galicia cunha ocupación media do 66 % durante o verán
Por Redacción
A provincia de Pontevedra pecha a súa campaña turística de verán cunha ocupación media do 66 %, unha cifra moi próxima á rexistrada no 2019, antes da pandemia, e que supera en máis de 20 puntos á media de ocupación do pasado verán. "Aínda non é unha recuperación total", admitiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que este xoves fixo balance dos datos de ocupación do mes de setembro e que se mostrou moi "satisfeita" polo volume de visitantes recibidos nas Rías baixas ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro.
Neste último mes de tempada estival, a provincia rexistrou unha ocupación media en todos os seus establecementos turísticos do 52,5 %, un 23,5 % máis que no mesmo período do ano 2020. Por comarcas, a de Vigo lidera o ranking de ocupación, seguida da de Pontevedra (62 %), Salnés (53,4 %), O Morrazo (49%) e Caldas (47 %).
"A provincia de Pontevedra consolída o seu liderazgo turístico en Galicia e tamén como un destino top no conxunto de Estado", sinalou con orgullo a mandataria socialista.
En referencia aos datos globais do verán, a ocupación pechouse cunha media do 66 %, que son só cinco puntos menos que os rexistrados no 2019 e vinte puntos por encima dos datos do 2020. Por comarcas, en Pontevedra acadouse unha ocupación media do 72 %, no Morrazo, un 73 %: no Salnés, un 70 %; e en Caldas, un 66 %. Nas principais cidades e vilas turísticas das Rías Baixas os datos tamén melloran con respecto ao ano anterior e sitúanse en niveis próximos á etapa prepandemia.
Nos aloxamentos de turismo rural, setembro pechouse cunha ocupación media do 46 %, mentres que no cómputo global do verán a media sitúase no 66,5 %. Os cámpings, pola súa banda, notaron o habitual bajón do mes de setembro, que se pechou cun 25 % de ocupación media.
Carmela Silva avanzou tamén as previsións que manexa Turismo Rías Baixas para o próximo mes de outubro, no que esperan unha ocupación media do 33 % con picos que superen o 45 % durante a ponte da Hispanidade.
Relacionadas:
-
"Segue o teu Instinto" inicia con vantaxe a carreira para ser o mellor vídeo de promoción turística
Por Redacción |
-
Día Mundial do Turismo con showcooking conmemorativo lembrando as receitas das irmás Mendoza
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
"Satisfacción inmensa" na Deputación cos datos turísticos rexistrados en xullo e agosto
Por Oskar Viéitez |