O estacionamento de Mollavao seguirá pechado dúas semanas para asentar o novo firme
"Entre dez e quince días". Ese é o tempo que, segundo o edil de Obras, Demetrio Gómez, seguirá pechado o estacionamento disuasorio de Mollavao para que poida asentarse o novo firme co que se renovou toda esta parcela.
O obxectivo é o que os materiais poidan "calar perfectamente", engadiu o concelleiro do BNG, para que este firme teña "moita máis durabilidade".
Esta obra tivo un custo duns 48.000 euros e foi executada por EC Casas.
Desde o Concello recoñecen que foi unha actuación "complexa" tanto pola súa execución como pola necesidade de poñer de acordo a dúas administracións "con ritmos diferentes", a municipal e o servizo de Costas.
Precisamente de Costas depende a tramitación pendente para poder licitar a construción do novo vial que unirá a avenida de Marín e Rosalía de Castro.
A única alegación presentada ao proxecto, formulada polo Colexio de Arquitectos, foi rexeitada e tan só resta que Costas ratifique o seu informe e autorice a intervención.