Lores avoga por superar o "medo ao cambio" para avanzar cara cidades sostibles
Por Redacción
Pontevedra estivo presente na xornada O futuro das cidades que se celebrou este xoves en Logroño. Desde alí, o alcalde reivindicou que a sociedade debe superar o "medo ao cambio" para avanzar no deseño de cidades sostibles.
Durante a súa intervención neste foro de debate, organizado polo Goberno de España, o Parlamento Europeo e a Comisión Europea, Fernández Lores reiterou que nas cidades "o que ten que haber son os coches imprescindibles" para que estas funcionen.
En Pontevedra, explicou o alcalde, conseguiuse "gañar o espazo público para os cidadáns" á conta de quitalo aos vehículos privados con medidas como a zona 30 ou o deseño de rúas con plataforma única.
Isto permitiu configurar unha urbe "sostible, máis atractiva e agradable", aínda que defendeu que cada cidade "debe buscar o seu propio modelo" de desenvolvemento urbano sostible.
Os cambios e peonalizacións, engadiu o rexedor pontevedrés, "sempre" xeran certo rexeitamento porque "nunca se logra un consenso total", aínda que insistiu en que despois os veciños "apoian nas urnas que sigas mellorando a súa calidade de vida".
Fóra da intervención oficial do alcalde, a Boa Vila foi un exemplo constante ao longo do resto de palestras, como modelo a seguir e mesmo emular.
O interese pola cidade cristalizou en conversas informais ao longo de todo o día, mantendo Miguel Anxo Fernández Lores encontros co alcalde de Granada, Francisco Cuenca; a alcaldesa de Toledo, Milagros Tolón; o Presidente da Fundación Ecología Urbana y Territorial, Salvador Rueda; ou o alcalde da cidade anfitrioa, Pablo Hermoso.
Relacionadas:
-
Alianza entre a OCDE e Pontevedra para replicar o seu modelo urbano en cidades similares
Por Redacción |
-
Nazaré fíxase en Pontevedra para converterse nunha vila "accesible e inclusiva"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Elda visita Pontevedra para estudar a recuperación dos seus espazos públicos
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Tres novos convites internacionais para expoñer o 'Modelo Pontevedra'
Por Oskar Viéitez |
-
Lores reclama en Suíza que as cidades "avancen" cara un modelo sostible
Por Redacción |
-
Os arquitectos destacan en Pamplona o "sentido común" do deseño urbano de Pontevedra
Por Redacción |