Gonzalo Caballero reclama á Xunta investimentos en Caldas de Reis
Por Redacción
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este xoves o Concello de Caldas de Reis desde onde reclamou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo que aposte neste concello por potenciar o termalismo e por desenvolver un polígono industrial "que dea futuro" e "prosperidade" á contorna, xa que "son elementos fundamentais para impulsar a actividade económica en tempos de reactivación".
Acompañado do alcalde, Juan Manuel Rey, o líder do PSdeG urxiu ao goberno galego a "necesaria" ampliación do IES de Caldas de Reis, así como pór en marcha a construción dun novo centro de saúde, unha infraestrutura "imprescindible" para a veciñanza.
Fronte á falla de compromiso da Xunta, Gonzalo Caballero reivindicou o "magnífico" papel que está desenvolvendo Juan Manuel Rey, "amosando a capacidade das alcaldías socialistas de facer a mellor política para a súa veciñanza".
Pola súa banda, o alcalde de Caldas de Reis, urxiu ao goberno galego a activar o "convenio pendente" para garantir "que o concello poida dar o cen por cen do saneamento municipal".
Finalmente Caballero pediu a Feijóo que "se comprometa cos concellos pequenos e que traballe na defensa dos galegos e das galegas en igualdade de condicións independentemente do seu lugar de residencia".