O acollemento familiar é a mellor fórmula para protexer a nenos e adolescentes, segundo a Xunta
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Galicia considera prioritario manter a aposta pola adopción e polo acollemento familiar como medidas de protección para os nenos e os adolescentes. Así o asegurou este venres o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, durante a inauguración do 4º Congreso de Adopción e Acollemento, organizado pola entidade Manaia no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Proba desta aposta do Goberno galego, sinalou o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, é que o número de menores que permanecen acollidos de xeito temporal de familias, tanto extensa como allea, é maior que o daqueles que están nun centro residencial. Por esta razón, sinalou Jacobo Rey, eventos como o que se está a celebrar na cidade do Lérez constitúen grandes oportunidades "para poder abrir novos puntos de vista e visualizar a realidade deste proceso".
Os datos oficiais correspondentes ao ano 2020 revelan que existen en Galicia preto de 1.200 familias acolledoras, entre familia extensa e familia allea. O director xeral apuntou que o Goberno galego traballa por garantir que o dereito a unha infancia feliz sexa unha realidade para o 100% das nenas e nenos de Galicia. Neste sentido, concretou que o obxectivo central da Administración é que convivan no mellor entorno posible para cada un deles.
Pola súa banda o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, adiantou que o seu departamento ten previsto levar en breve á Xunta de Goberno para a súa aprobación a proposta do convenio de colaboración con Manaia "para respaldar ao colectivo no seu enorme labor para facilitar a adopción e o acollemento".
O obxectivo deste Congreso, que continuará na xornada do sábado, é o de dar voz ás persoas que realmente protagonizan os procesos de adopción e acollemento, motivo polo que conta nesta edición cunha maioría de relatores que transitaron polo sistema, sendo acollidas ou adoptadas ou ámbalas dúas, e tamén con algunhas das familias que as acompañan neses procesos.