Tonucci asegura que unha cidade está enferma se desaparecen os nenos das rúas
Por Redacción
"As nenas e nenos son un sensible indicador ambiental, se desaparecen das rúas significa que a cidade está enferma". Así o asegurou este venres o pedagogo italiano Francesco Tonucci na súa participación no seminario 'O hábitat xogable' da Facultade Ágora da Deputación.
Tonucci subliñou que as administracións locais deben apostar por deseñar vilas na que as crianzas se desenvolvan con autonomía, evitar crear espazos específicos para elas, e traballar para reducir a velocidade e favorecer a mobilidade natural.
Tonucci comezou a súa intervención ante as preto de 200 representantes políticas e técnicas dos concellos da provincia de Pontevedra asegurando que o xogo "é a experiencia máis importante da vida". Afirmou que é o motor de todas as aprendizaxes, mais subliñou que a día de hoxe aos pequenos non se lles dá a posibilidade de xogar ao aire libre pola desconfianza de pais e nais, porque o espazo público foi privatizado e vendido ao vehículo privado, e porque non se lles destina tempo.
Segundo Tonucci as administracións locais deben facer unha cidade coa garantía de que se é se válida para pequenos é válida para todas as persoas sen exclusión: "mulleres, maiores, persoas con discapacidade... non só para o perfil privilexiado de home traballador".
MARTA ROMÁN: QUITAR OS CARTEIS DE 'PROHIBIDO XOGAR'
Neste mesmo foro a xeógrafa Marta Román coincidiu con todos os plantexamentos de Francesco Tonucci sobre o espazo público e o xogo. Indicou que a día de hoxe todo o que rodea a infancia está rodeado de "medo" a que aconteza calquera situación negativa no espazo público, algo que se ten que reconducir porque na súa maior parte é "esaxerado".
Instou a alcaldes e alcaldesas a comezar a amosar publicamente o interese de que os nenos estean na rúa e nos equipamentos pola súa conta: "Hai que dar permiso, facer público que os nenos e nenas non teñen que estar encerrados entre os barrotes de colores dos parques infantís, senón que poden facer recados, poden estar xogando nas beirarrúas, non só nun sitio específico para eles, porque cando creamos un parque de xogos significa que o resto da cidade non é apta para o xogo e se hai nenos a xogar noutro lugar parece que están a facer algo inadecuado. Hai que quitar eses carteis que hai nalgunhas prazas de 'prohibido xogar' e realmente comezar a darse conta do grande problema que viven nenos e nenas da falta de adecuación dos espazos", subliñou.
JUAN GIL: CRIANZAS SUXEITAS "COMO MASCOTAS"
Pola súa banda o pediatra Juan Gil falou na Facultade Ágora en nome da infancia para poñer de manifesto as súas necesidades, entre as que destacou o xogo, que ao seu entender está como necesidade ao mesmo nivel que a alimentación, a hixiene, o afecto, a aprendizaxe.
Os espazos de convivencia nas cidades, segundo Gil, son fundamentais para a infancia porque é onde se poden mesturar cos demais. Apostou pola liberdade e a confianza nos pequenos, pero tamén manifestou que é preciso facer unha recomposición da organización das cidades e poñer a infancia no primeiro ou no segundo plano.
MARÍA MASAGUER E MARTÍN BARREIRO
Finalmente, as dúas persoas integrantes do Estudo Rurban, María Masaguer e Martín Barreiro, foron as encargadas de falar dos casos prácticos na provincia de Pontevedra á hora de falar da 'xogabilidade' do espazo público.
Subliñaron que a autonomía infantil é unha cuestión de facilitación que ten que ver cos costumes e a identidade cultural de como se usan os espazos públicos e como se transforman tanto polos hábitos como coas obras.
Puxeron sobre a mesa que existen cinco solucións non convencionais que poderían posibilitar outros usos do espazo público –coa rapazada xogando en calquera sitio- que agora non son posibles "polas formas de conducir da cidadanía".
Segundo subliñaron, unha das primeiras actuacións posibles son os estreitamentos de calzadas que obriguen aos coches a facer alternancias e deixando un mínimo de 2,5 metros de ancho para as persoas; a segunda fórmula pasaría por proxectos que abranguen máis dun ámbito administrativo para promover a autonomía, xa que moitos espazos son competencias conxuntas; o terceiro punto apostaría por "xerar corredores ecolóxicos para as crías de humanos", estruturas que eviten a fragmentación de usos e que potencien os itinerarios continuos e os cruzamentos seguros nos que as prioridades sexan das persoas; o cuarto punto sería o marcado viario para as persoas en lugar de para os coches, sinalizando non os carrís de circulación senón os espazos de preferencia peonil; e finalmente o quinto punto da adopción de fórmulas non convencionais, necesarias e controversas pasaría porque a creación de conectores teñan a consideración de infraestruturas básicas contempladas no planeamento.
Relacionadas:
-
Ideas urbanas pontevedresas toman camiño de Montpellier
Por Redacción |
-
Un libro recollerá as conclusións e relatorios da Facultade Ágora para mellorar o espazo público
Por Oskar Viéitez |
-
O prestixioso arquitecto Jan Gehl dará o último seminario da Facultade Ágora
Por Oskar Viéitez |
-
Recuperar as cidades para as persoas é chave para acadar máis poboación, mellora económica e inclusión social
Por Oskar Viéitez |
-
Debaten como a mellora do espazo público converte ás cidades en "localidades atractivas"
Por Redacción |
-
Uxío Benítez reivindica o espazo público como elemento de cohesión social
Por Redacción |
-
Carmela Silva no Foro Urbano de España: "Na Deputación sacamos adiante tódolos proxectos pactando cos 61 concellos da provincia"
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora abordará o xogo libre da infancia no espazo público como indicador de calidade nas cidades
Por Redacción |
-
Uxío Benítez traslada a un foro na Coruña a 'Fórmula Ágora' para fomentar o espazo público
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora reflexiona sobre o ‘Hábitat saudable e biodiverso’
Por Redacción |