'Écociña no Camiño', campaña da Xunta para impulsar a cociña autóctona e sostible entre peregrinos e turistas
Por Redacción
Visibilizar prácticas sustentables da hostalería no Camiño de Santiago e promover a cociña autóctona e sostible para promocionar a gastronomía propia e os produtos galegos entre peregrinos e turistas é a nova iniciativa da Xunta de Galicia.
Impulsada pola Concellería de Turismo, a campaña 'Écociña no Camiño' foi presentada este venres no porto de Vilanova de Arousa. Ao acto asististiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, autoridades, restauradores e blogueiros especializados en gastronomía, que puideron desfrutar dunha demostración culinaria con receitas propias e produtos da ría a cargo dos cociñeiros do Restaurante Derby (Vilagarcía), do Hotel Restaurante Alte Frankfurt (Vilanova) e de Gastrolab Arousa.
Esta foi a primeira das presentacións que levarán a cabo en diferentes puntos das rutas xacobeas nas que, ademais de degustar produtos da zona elaborados por cociñeiros do lugar, farán un labor pedagóxico sobre as vantaxes da cesta da compra de proximidade e o compromiso coa sustentabilidade, complementado a formación recibida polos restauradores. Na campaña participarán máis dun cento de restaurantes localizados en diferentes rutas do Camiño ademais das prazas de abastos, que ofrecerán produtos de proximidade.
Durante o acto, Nava Castro animou aos restauradores a apostar pola cociña autóctona e polos produtos galegos de temporada porque "o Camiño é o mellor escaparate de Galicia e nel temos que ofrecer o mellor de nós mesmos", asegurou. Tamén incidiu na importancia do boca a boca á hora de promocionar o Camiño, de aí a necesidade de "ofrecer ao peregrino unha boa mesa repleta do mellor das terras e dos mares de Galicia para recuperar forzas logo de cubrir cada etapa".
A este evento se unirán dúas accións en Muxía e na Ribeira Sacra, ademais dunha semana no Camiño con degustacións gratuítas para os peregrinos e actividades abertas ao público nas prazas de abastos, coincidindo coa plena recuperación do Camiño trala pandemia, coa chegada de máis de 135.000 peregrinos no que vai de ano e as boas expectativas que se abren de cara ao 2022, que tamén será Ano Santo e no que continuará o Xacobeo.
Os bos datos no Camiño reflíctense tamén no balance do verán en Galicia, no que a comunidade situouse á cabeza da recuperación turística en España. De feito, Galicia acadou no mes de agosto un 80% máis de ocupación que o ano pasado e situouse 27 puntos por riba da medida estatal respecto a 2019.
Relacionadas:
-
A Boa Vila acolle un grupo de galegos do exterior na súa peregrinación a Santiago
Por Redacción |
-
Usuarios da Asociación Virgen de la O comproban a seguridade do Camiño coa compaña da Policía Nacional
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
"No caminas sola", a campaña para liberar o Camiño de Santiago de violencia machista
Por Redacción |
-
Xa se pode visitar a mostra 'Fazendo Camiño' sobre o espazo Xacobeo entre o norte de Portugal e Galicia
Por Redacción |