A Fiscalía reclama quince anos e nove meses de cárcere para un acusado de abusar sexualmente da filla da súa parella
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia de Pontevedra ten sinalado para o vindeiro martes 5 de outubro un xuízo por un caso de abusos sexuais.
A Fiscalía reclama quince anos e nove meses de cárcere para un acusado de abusar sexualmente da filla da súa parella, menor de idade. Concorre no procesado a circunstancia agravante de parentesco.
Este caso procede do Xulgado de Instrución nº3 de Pontevedra. O procesado estivo casado cunha muller coa que ten dúas fillas en común e ademais ela é nai doutra filla.
Segundo recolle o escrito de acusación da Fiscalía, no verán do ano 2016 cando toda a familia vivía nun mesmo domicilio, aproveitando que a esposa marchara cedo a traballar, o acusado pediulle á súa fillastra, que entón tiña 14 anos cumpridos, que se deitase na cama matrimonial e alí, "movido polo ánimo de satisfacer os seus desexos sexuais", a manoseou.
Os tocamentos repetíronse varias veces, segundo o relato da Fiscalía, e mesmo nunha ocasión na que a fillastra "bebera en exceso", cando ela estaba deitada e "sen permiso da menor e movido polo ánimo de satisfacer os seus desexos sexuais" mantivo relacións sexuais con ela.
A nai foi quen presentou denuncia por estes feitos en xaneiro de 2019.
Ademais das penas de prisión, o representante do Ministerio Público pide que se lle prohiba ao acusado por un tempo de 21 anos aproximarse a menos de 300 metros da vítima, do seu domicilio, lugar de estudo ou traballo ou calquera outro no que se atope, e a pena de prohibición de comunicarse con ela por calquera medio.
E tamén que se lle impoña ao acusado a medida de liberdade vixiada durante seis anos, que se executará con posterioridade ás penas privativas de liberdade.
A Fiscalía solicitou ao Tribunal a celebración a porta pechada das sesións do xuízo oral para a protección dos intereses da vítima.
Relacionadas:
-
"Que se haga justicia", a petición dunha nai cuxa filla denuncia abusos por parte do seu padrasto
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Concentración feminista ante a Audiencia para apoiar unha veciña de Poio e a súa filla, vítima de abuso
Por Natalia Puga |
-
A Fiscalía mantén a súa petición de 30 anos de condena para un home acusado de agresión sexual continuada ás dúas fillas da súa parella
Por Redacción |
-
Xulgan a porta pechada a un pai acusado de abusar sexualmente do seu fillo de nove anos nun bar
Por Natalia Puga |