A pasteira lusa Altri será o socio industrial no proxecto da Xunta para fabricar fibras téxtiles con madeira
Por Oskar Viéitez
A compañía portuguesa Altri será a empresa investidora e tecnóloga que busca a Xunta de Galicia para o seu proxecto de fabricación de 200.000 toneladas anuais de lyocell, un tipo de fibra sostible que se comercializará para fío, corte e confección a partir da transformación da madeira dos bosques galegos como materia prima principal, así como a reciclaxe téxtil.
Altri comprométese a custear o deseño e desenvolvemento da iniciativa en virtude do acordo ao que chegou con Impulsa Galicia. Ademais, a pasteira lusa explorará alianzas con toda a cadea de valor do sector galego.
Impulsa Galicia, é o nome co que se coñece á " Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia", unha firma público-privada que impulsou a Xunta (40%) coa colaboración Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%) para impulsar proxectos tractores en Galicia con cargo aos fondos europeos Next Generation.
Segundo informa Impulsa Galicia nun comunicado, prevese o desembolso de 800 millóns de euros no proxecto que supoñerá uns 1.500 empregos directos e 6.500 indirectos contando toda a actividade, é dicir, operación, mantemento e loxística do proxecto. Ademais, a construción da factoría empregaría a uns 1.700 profesionais.
Aínda non se desvelou o emprazamento da fábrica.
Impulsa Galicia asegura que este proxecto "contribuirá á recuperación do rural, promoverá a xestión de madeira certificada, implantará as tecnoloxías máis ambientalmente esixentes" e "colmará a vella aspiración de pechar o ciclo produtivo forestal en Galicia".
A directora xeral de Impulsa Galicia, Enyd López, valorou que "estamos moi satisfeitos de atopar un socio sólido e tamén de articular todo o que vén por diante como un proxecto de país, froito da colaboración público-privada e que promove actividades básicas da economía galega".
Enyd López asegurou que "estamos nos primeiros chanzos dun proxecto inclusivo, aberto no seu desenvolvemento á colaboración de todo o sector forestal galego, pensando especialmente nas pemes e en toda a cadea de valor". "Esperamos desta iniciativa un gran efecto multiplicador, que se traducirá en emprego sostible a longo prazo", engadiu.
Igualmente a pasteira portuguesa Altri emitiu outro comunicado no que dá conta deste "Memorando de Entendemento" para liderar este consorcio público-privado español para a "a construción dunha biounidade industrial desde cero, equipada coas mellores tecnoloxías dispoñible en todo o mundo"
Tamén detalla que a celebración do acordo definitivo depende da verificación dun conxunto de condicións precedentes que, se é satisfactoria estima terá lugar no segundo semestre de 2022 cando se crearán as bases para a súa formalización.