A Universidade quere construír en Tafisa un edificio propio para as titulacións de Deseño e Xestión Pública
Por Oskar Viéitez
O Consello de Goberno da Universidade de Vigo coñeceu este venres a programación e prioridades que o equipo que dirixe o reitor Manuel Reigosa ten en relación cos edificios e espazos que se construirán e habilitarán nos campus, e fóra deles, para dar acubillo a novas facultades e titulacións.
No seu informe ante o órgano de goberno da Universidade, o reitor deu conta por orde de prioridade das accións previstas para dotar aos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo de novos espazos destinados á docencia e á investigación e que se concretan no caso de Pontevedra nos edificios que acollerán as futuras facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública.
Reigosa explicou que, logo de falar co Concello de Pontevedra, "no acordo que tiñamos hai moitos anos usamos o edificio de Belas Artes no centro da cidade e estaba prevista a cesión dunha parcela nos terreos da antiga Tafisa que serviría para devolverlle ao concello o edificio. Con ledicia digo que contamos con que se nos ceda esa parcela para usos adicionais e non para devolver o edificio de Belas Artes",confirmou o reitor.
Manuel Reigosa reiterou que, "a nosa programación é que Belas Artes vai seguir no edificio que está, e faremos un edificio para implantar Deseño e levar alí Dirección e Xestión".
Reigosa lembrou que inicialmente esta titulación íase situar no edificio de Benito Corbal , "pero esta é unha solución temporal. Como son pisos altos non parece axeitado que un número alto de estudantes estea a subir e baixar escaleiras ou en elevadores, e por iso precisamos un edificio propio", explicou o reitor, que confirmou que agora agarda a sinatura dun convenio co Concello de Pontevedra.
En relación ao financiamento de infraestruturas, o reitor destacou que haberá un plan da Xunta con este cometido "e nós presentaremos unha planificación de obras que son precisas para que o traballo se desenvolva do mellor xeito e ser máis competitivos", dixo Reigosa.
Relacionadas:
-
Unha lección inaugural para comenzar o curso no grado de Dirección e Xestión Pública
Por Redacción |
-
O campus de Pontevedra roza a "presencialidade total" no inicio do novo curso
Por Redacción |
-
Negocian crear unha Facultade de Enfermería con campus en Pontevedra, Vigo e Ourense
Por Alejandro Espiño |
-
A UVigo prevé a posta en marcha do grao en Deseño en Pontevedra no curso 2022-23
Por Redacción |