Osdriana Seco, de 32 anos, última persoa en recibir a vacina no Recinto Feiral
Por Redacción
A moza Osdriana Seco, de 32 anos, natural de Venezuela e veciña de Pontevedra, foi a última persoa á que lle administraron a vacina contra a covid no Recinto Feiral de Pontevedra; un espazo, como sucede tamén co pavillón de Fexdega en Vilagarcía, que pechou este sábado 2 de outubro as súas portas como punto de vacinación masiva da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.
A partir deste luns 4, as vacinas restantes aplicaranse nos Hospitais de Montecelo e do Salnés.
Juan Vázquez Vilar, director de Enfermería da área, confirmaba o éxito da campaña que durou nove meses coa administración de 480.000 dose, que permite que o 91,2% da poboación desta zona sanitaria estea vacinada.
Vázquez Vilar fixo un repaso no seu balance ás once enfermeiras que comezaron o primeiro día e que se foron ampliando a 24, con xornadas en que se chegou ata a cifra de 40 enfermeiras traballando no recinto pontevedrés. O responsable sanitario indicou que a lista de voluntarios para administrar as vacinas situouse, nalgunhas fins de semana, en 125 persoas.
Durante estes meses, máis de 400 traballadores, entre profesionais sanitarios, axentes da policía local, persoal de Protección Civil, do Recinto ou do Concello, mantiveron activo o sistema para que se realizase o traballo sen grandes incidencias.
Juan Vázquez sinalou que todas as persoas que conten con tarxeta sanitaria e que non foran vacinadas serán chamadas polos seus centros de saúde para que poidan recibila nos hospitais de referencia. Insistiu en que o medo ás vacinas, no caso dos negacionistas, é un erro xa que "está demostrado que é a ferramenta máis eficaz para loitar contra as enfermidades infecciosas", explicou.
Tamén sinalou que hai, entre 3.500 e 4.000 persoas da área sanitaria susceptibles de recibir a terceira dose da vacina por tratarse de poboación de risco ou persoas de avanzada idade. En relación a aplicar a terceira dose a outros fragmentos da poboación, o director de Enfermería admitiu que, na súa opinión, é "máis interesante" que se aplique a persoas de fóra da zona occidental.
A persoas que precisen de máis información sobre algún aspecto relacionado coa vacina dispoñerán deste número de teléfono 986.807.110 para resolver dúbidas.
Relacionadas:
-
O PP pide a Lores que recapacite sobre a cesión do recinto para a vacinación e lembra que a pandemia non rematou
Por Redacción |
-
Galicia camiña cara a normalidade con aforos ao 90% e reunións sociais más amplas
Por Alejandro Espiño |
-
Recupérase a tendencia descendente na cifra de casos activos e ingresos por covid-19
Por Redacción |
-
O Sergas tratará de "convencer" a aquelas persoas que non quixeron recibir a vacina
Por Oskar Viéitez |
-
Descende lentamente o número de casos activos covid na área sanitaria que conta con 63 positivos
Por Redacción |
-
Este domingo pechan os centros de vacinación masiva do Recinto Feiral e Fexdega
Por Oskar Viéitez |
-
O deceso dunha muller de 89 anos en Montecelo eleva a 205 o número de vítimas mortais con covid na área
Por Redacción |
-
Sanidade administra 1.800 doses de vacina na fin de semana, entre pacientes sen cita, residencias e autocita
Por Redacción |