Desbordan os sumidoiros e inundan de augas fecais o PAC de Portonovo
Por Redacción
A Plataforma de Defensa da Sanidade Pública en Sanxenxo alertaba este domingo dunha nova inundación nas instalacións do Punto de Atención Continuado (PAC) de Baltar en Portonovo, no municipio de Sanxenxo.
Segundo relatan, durante a madrugada do sábado ao domingo debido á coincidencia de abundante choiva coa preamar desbordáronse as canalizacións soterradas provocando unha inundación con augas fecais das instalacións sanitarias.
Segundo alertan, o cheiro resultaba insoportable e os profesionais do servizo alertaron aos Bombeiros, ademais de trasladar a incidencia á xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.
O arranxo e a limpeza obrigou a paralizar a actividade do PAC, segundo indican desde a Plataforma. Este colectivo demanda unha actuación urxente por parte da Consellería de Sanidade. Tamén reclama ao Concello de Sanxenxo unha revisión e acondicionamento de rede de sumidoiros na zona. Entenden que, nestas situacións, satúranse as arquetas ao existir máis emisarios e caudal do que poden xestionar.
Ante a previsión de que comece un período de choivas abundantes, desde este colectivo solicitan que se peche e trasladen a outro punto este PAC, de forma transitoria, ata que se resolva esta situación para impedir que se repitan escenas similares en próximas semanas.