Queima de facturas como protesta contra a alza continua do prezo da luz
Por Redacción
Pontevedra e Vilagarcía sumáronse no mediodía deste domingo a outros 22 municipios nos que o sindicato CIG convocara un acto de protesta contra a subida continuada do prezo da luz.
A central nacionalista leva a cabo estes actos ao entender que existe falta de acción por parte dos gobernos. Durante a protesta realizábase unha queima simbólica de facturas da luz. Os manifestantes consideran que as compañías eléctricas obteñen beneficios multimillonarios á conta da clase traballadora, que se atopa abocada á pobreza enerxética.
Desde a CIG esixen políticas que promovan prezos xustos, reclaman a recuperación das centrais hidroeléctricas, a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega e que se recoñeza á enerxía como un dereito universal.
Estes actos foron convocados despois de que a CIG recibise a prohibición de manifestarse o venres con motivo da intervención do presidente de Iberdrola na Toxa durante a celebración do Foro.
Demandan actuacións por parte do Goberno do Estado atendendo a que a enerxía eléctrica é un ben de consumo de primeira necesidade para o benestar social e a actividade económica e industrial. Ademais, reclaman ao goberno galego unha intervención que poña freo á "impunidade" coa que actúan estas grandes compañías.