A sección sindical de CC.OO. en Ence asegura que adscribir a fábrica ao porto é "legal"
Por Manu Otero
Os delegados de persoal dos diferentes comités de empresa da fábrica de Ence en Lourizán compareceron este luns diante dos medios de comunicación para denunciar a imposibilidade de reunirse co presidente do Goberno esta fin de semana durante a súa participación no Foro La Toja, defender a viabilidade de adscribir a planta ao Porto de Marín para garantir a súa permanencia en Lourizán, anunciar novas mobilizacións e cargar contra o Concello e o comité de empresa da fábrica por dar porque "só ven viable o traslado", criticou a presidenta do comité de oficinas centrais, Ana Cedeira.
Un grupo de traballadores manifestouse este venres na ponte que dá acceso á illa da Toxa para evidenciar o seu enfado coa forma de proceder do Goberno de España no conflito pola continuidade de Ence en Lourizán. A intención destes traballadores era ser recibidos polo presidente Pedro Sánchez para facerlle entrega dun manifesto asinado polos traballadores. Con todo, o mandatario non puido atendelos por problemas de axenda, algo que entenderon como "un desprezo á clase traballadora", lembrando que tampouco as ministras Nadia Calviño nin Yolanda Díaz aceptaron reunirse cos empregados.
Ademais, denuncia Cedeira que a presenza policial durante o acto foi "excesiva" e mostrou o seu malestar porque a Garda Civil identificou e rexistrou vehículos dalgúns dos manifestantes.
Aínda que a vía xudicial segue aberta, desde Comisións Obreiras ven con bos ollos a posibilidade de adherir a fábrica ao Porto de Marín como unha solución viable e definitiva para asegurar a continuidade da fábrica na súa parcela de Lourizán. Con todo, esta vía xa foi descartada hai anos, o Concello insiste en que non é legal e na última reunión da mesa de traballo tampouco se chegou a debater. Con todo, Cedeira asegura ter un informe no que se xustifica a legalidade desta acción e defenden que se os recursos non prosperan tentarán avanzar nesta vía, aínda que para iso precisan o voto favorable de Portos do Estado, que está dirixido polo Goberno central.
Para seguir presionando, os traballadores preparan unha nova mobilización masiva que aínda non ten data pero á que están convidados a participar todos os traballadores indirectos de Ence, así como a cidadanía en xeral. "Se Ence pecha vai ser un desastre", di a presidenta do comité, quen estende tamén a invitación ao comité da fábrica que preside Toño Lafuente da CIG, a pesar de criticar publicamente a súa postura, segundo Cedeira, de dar por feito que a única solución pasa por un traslado.
Relacionadas:
-
O Goberno comprométese a crear un informe con alternativas para unha nova ubicación de Ence que contaría con financiación estatal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Xunta eleva ao Consello Consultivo de Galicia a consulta sobre a viabilidade de adscribir ENCE ao Porto de Marín
Por Natalia Puga |
-
A Autoridade Portuaria de Marín acepta a adscrición dos terreos que ocupa ENCE en Lourizán
Por Oskar Viéitez |
-
Traballadores de ENCE tentan sen éxito forzar unha reunión con Pedro Sánchez: "a vontade de diálogo é nula"
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A APDR traslada a súa preocupación ao Consello Consultivo ante os "intentos do Goberno galego por favorecer a Ence"
Por Redacción |
-
O PSOE reclama á Xunta no Parlamento unha alternativa "real" para Ence
Por Redacción |
-
Conde acusa a Concello e Goberno central de non asumir responsabilidades na busca de solucións para Ence
Por Redacción |