Crecen a 14 os equipos rexistrados na Liga de Petanca de Pontevedra
Por Redacción
O Concello de Pontevedra presentou este luns unha nova edición da súa Liga de Petanca, unha iniciativa ao redor do popular xogo que gañou adeptos nos últimos anos.
Nesta ocasión serán 14 os equipos participantes, máis que na pasada edición con novos equipos como o CP Areales, SCD Marcón e o CP O Burgo.
Ademais completan a lista de rexistrados O Mirador de Monte Porreiro, Amigos de Campolongo, Santo André de Xeve, Centro Social Pontevedra, O Pote e O Carballo de Mourente, O Salgueiral de Bora, Verducido, Salcedo Norte, San Martiño de Salcedo e Petanca Marín.
Trátase dunha liga que dará comezo o 9 de outubro e que se disputará na rede municipal existente de 17 pistas de petanca, con equipos formados por un máximo de 12 xogadores.
A consolidación desta iniciativa "vai en paralelo ao constante incremento da rede de parques dotados de parques de xogo en barrios e parroquias por parte do Concello e que se traducirá na creación de nove novas pistas de petanca entre finais deste ano e principios de 2022, pasándose das 17 actuais a 26", sinalou o tenente de alcalde Tino Fernández na presentación acompañado do presidente da Asociación de Petanqueiros de Pontevedra, José Gallego; o seu secretario, Ángel Mario Lago; e os seus delegados delegados José Manuel Dopazo e Bernardo Dios.