Concentración feminista ante a Audiencia para apoiar unha veciña de Poio e a súa filla: "se tocan a unha, tócannos a todas"
Por Natalia Puga
O Colectivo Feminista de Pontevedra convocou este martes 5 de outubro unha concentración ante a Audiencia Provincial de Pontevedra para apoiar a Olga, unha veciña de Poio, e a súa filla menor de idade. Apoiaranas con motivo da celebración no interior do edificio xudicial dun xuízo contra a antiga parella desta muller por presuntamente abusar sexualmente da nena.
O xuízo está previsto para as 10.15 horas da mañá na sección segunda da Audiencia. Antes, ás 9.30 horas, daranlle o seu apoio ás dúas mulleres para trasladar a mensaxe de unidade e sororidade que caracteriza ao feminismo: "Se tocan a unha tócannos e tocan a todas". Dentro, o xuízo celebrarase previsiblemente a porta pechada, unha petición realizada desde a Fiscalía.
"Xustiza para Olga e a súa filla" é o lema desta concentración, na que, ademais, piden que o delito de abuso que se lle atribúe ao acusado sexa considerado violación, pois a Fiscalía considérao un delito de abuso sexual, pero o colectivo feminista sostén que, dado que mantivo relacións sexuais coa nena sen o seu consentimento, debería consideralo agresión sexual.
A Fiscalía reclama 15 anos e nove meses de cárcere para o acusado, que tiña dúas fillas en común coa súa entón esposa e convivía con elas e con outra filla dela. A moza tiña 14 anos e era froito dunha relación anterior.
Segundo recolle o escrito de acusación da Fiscalía, os feitos comezaron no verán do ano 2016. Aproveitando que a esposa se marchara cedo a traballar, o acusado pediulle á súa fillastra que se deitase na cama matrimonial e alí, "movido polo ánimo de satisfacer os seus desexos sexuais", manoseouna.
Os tocamentos repetíronse varias veces, segundo o relato da Fiscalía, e mesmo nunha ocasión na que a fillastra "bebera en exceso", cando ela estaba deitada e "sen permiso da menor e movido polo ánimo de satisfacer os seus desexos sexuais" mantivo relacións sexuais con ela.
A nai presentou denuncia por estes feitos en xaneiro de 2019.
Ademais das penas de prisión, o representante do Ministerio Público pide que se lle prohiba ao acusado por un tempo de 21 anos aproximarse a menos de 300 metros da vítima, do seu domicilio, lugar de estudo ou traballo ou calquera outro no que se atope, e a pena de prohibición de comunicarse con ela por calquera medio.
E tamén que se lle impoña ao acusado a medida de liberdade vixiada durante seis anos tras a súa posta en liberdade.
Relacionadas:
-
O feminismo, tras a sentenza condenatoria por abusos a unha menor: "Esta é a xustiza que se debería facer"
Por Natalia Puga |
-
A denuncia dunha menor por abuso sexual do seu padrasto, na recta final cinco anos despois: vista para sentenza
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O Colectivo Feminista dá un paso á fronte e visibilizará casos de machismo na cidade
Por Redacción |
-
"Que se haga justicia", a petición dunha nai cuxa filla denuncia abusos por parte do seu padrasto
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
A Fiscalía reclama quince anos e nove meses de cárcere para un acusado de abusar sexualmente da filla da súa parella
Por Oskar Viéitez |