Chamamento do concelleiro de Educación á folga contra a Lei Wert
Por Oskar Viéitez
A Plataforma en Defensa do Ensino convocou diversas protestas en toda a xeografía galega con motivo da xornada de folga xeral educativa que se celebrará o xoves 24 de outubro, en contra da coñecida coma Lei Wert, Lei de Mellora da Calidade Educativa (Lomce), aprobada a pasada semana no Congreso, e os recortes aplicados no ensino.
A entidade que aglutina a diversas organizacións da comunidade educativa -como os sindicatos CCOO Ensino, FETE UGT, o Sindicato de Estudantes ou Confapa Galicia- celebrará unha concentración ás 11:30 en Vilagarcía e unha manifestación en Pontevedra con saida ás 19.30 horas da Praza da Ferrería.
En rolda de prensa, este luns, o concelleiro de educación de Pontevedra, Agustín Fernández, acompañado pola voceira de educación do PSdeG-PSOE, Montserrat García Lastra, fixo un chamamento á participación nesta xornada de folga porque "entre outras moitas razóns" que avanza cara a unha "sociedade clasista" e "separada por motivos económicos".