Apoio plenario ao mariñeiro Pablo Costas Villar
Por Redacción
A corporación municipal de Bueu celebraba este luns o pleno do mes, no que se aprobaron todas as propostas que formaban parte da orde do día. Entre os puntos máis destacados, os concelleiros aprobaron a moción conxunta de apoio e solidariedade co mariñeiro da vila Pablo Costas Villar, que permanecera máis de once meses retido en Iemen, sometido a condicións infrahumanas.
O mariñeiro atópase no seu domicilio de Bueu desde setembro pero o alcalde Félix Juncal lembrou que a corporación tiña pendente ratificar o apoio unánime mediante un acordo do máximo órgano do Concello.
Por outra banda, aprobouse por unanimidade a proposta da alcaldía de instar á Xunta de Galicia a que mellore de maneira integral os centros educativos da Pedra, A Torre e Montemogos con fondos europeos Next Generation. Tanto Xosé Leal, concelleiro de Educación, como o alcalde insistiron nas necesidades que presentan os centros escolares con problemas de illamento térmico. O Partido Popular solicitou a emenda de que se solicitase estas actuacións con fondos a cargo de calquera outro plan da administración autonómica.
Tamén se tratou o elevado custo da luz e a nova tarifa eléctrica, a través dunha moción presentada polo BNG, que contou cos votos a favor de todos os grupos, agás o Partido Socialista que se abstivo. A moción insta o goberno do Estado para abrir un novo proceso de regulación da tarifa eléctrica ante a preocupación da cidadanía.
O PP presentou dúas mocións, tamén aprobadas. Na primeira rexeitábase o sistema de repartición dos fondos Next Generation en relación á mobilidade sostible. Elena Estévez, a portavoz do grupo popular, afirmaba que coa repartición actual só benefícianse os grandes municipios, quedando fose a maioría de municipios de Galicia. A proposta foi apoiada por PP, BNG e ACB, coa abstención do PSOE.
Tamén se aprobaba a outra moción popular sobre a petición á Xunta para que actúe na ponte de Trasouto. Piden que mellore o paso existente debaixo desta infraestrutura para transitar con seguridade pola Ruta dos Muíños. A proposta contou co apoio de todos os grupos.