A falta de microchips baleira os concesionarios e obriga aos clientes a esperar ata sete meses polo seu coche novo
Por Manu Otero
Se pensa cambiar de coche, ármese de paciencia. As fábricas de vehículos de todo o mundo, incluída a de Citroen en Vigo, están practicamente paradas pola caída da subministración de microchips e os efectos xa se fan notar nos concesionarios de Pontevedra.
O stock está baixo mínimos e os turismos fabrícanse por encargo, polo que o tempo de espera, desde que se pecha a compra ata que se estrea o coche, chega en moitas ocasións ata os sete meses, cando en condicións normais rara vez chegaba aos tres.
"Desde o inicio da pandemia faltan microchips, non hai subministración", explican desde as oficinas centrais de Mourente Motor, onde precisan que cada vehículo precisa varias piezas de este tipo. "O tempo de espera agora é moitísimo máis elevado, dependendo do modelo pode chegar ata os sete meses", engaden desde o concesionario Aelsa de Opel en Pontevedra.
Esta crise está a cambiar os ritmos de produción das fábricas. "Agora fabrícase por pedido", explican en Mourente Motor, en cuxos concesionarios están practicamente sen stock. Ademais, as fábricas están a dar prioridade á elaboración de vehículos híbridos ou eléctricos, uns modelos que aínda non entraron con forza no mercado galego.
"En Galicia non temos problemas de mobilidade, nin de contaminación. Tampouco temos normas que restrinxan o uso de vehículos de combustión", argumentan desde Aelsa as razóns polas que os pontevedreses aínda non se lanzaron a comprar coches híbridos, unha situación que fai que os pedidos a fábrica tarden máis en executarse.
Esta circunstancia está a facer que o volume de vendas nos concesionarios esborralle. "Está a afectarnos porque non podemos vender, non temos stock", din en Mourente Motor.
A demanda, con respecto á época anterior á pandemia, caeu de forma notable e agrávase agora coa obrigación de esperar varios meses para estrear coche. "Témonos que buscar a vida, apostamos tamén pola venda de vehículos de ocasión", confesan en Aelsa.
Con todo, como advirten desde os concesionarios, o volume de coches dispoñible é cada vez máis escaso, polo que se o seu vello coche comeza a dar síntomas de esgotamento é conveniente comezar canto antes a buscarlle substitución.
Pero este problema non afecta só os vehículos de catro rodas, os de dúas tampouco se libran. "Máis que a falta de microchips, que as motos non levan tantos como os coches, o que nos está afectando moito é a crise do transporte. Un contedora custa agora catro veces máis que antes da pandemia", detalla Chema de la Torre, propietario do concesionario de motos Monster Bike.
"Teño pedidos que me van a chegar no 2023", salienta ao mesmo tempo que critica a situación do mercado na que se están dando situacións de empresas que fretan un contedora por unha "cifra moi elevada e chega outra que pon máis diñeiro e quítanmo a min para darllo a outra", lamenta.
O prazo de espera para adquirir unha nova moto tamén se disparou. En condicións normais unha moto de fábrica tarda uns dous meses en ser entregada ao cliente, "agora o que non teño en España, non lle dou data", asume frustrado De la Torre, quen confesa que "é amolado non vender porque non temos, non porque non che entre a xente", remata.
Relacionadas:
-
A subida do prezo da luz e outras mercadorías obriga á hostalería da cidade a revisar os seus prezos
Por Manu Otero |
-
Por Pontevedra só circulan 52 coches eléctricos
Por Manu Otero |
-
Vepersa, 25 anos dando servizo aos pontevedreses
Por Redacción |
-
Pontemóvil pecha a súa primeira edición con máis de 8.000 visitas e 120 coches vendidos
Por Diego Torrado |