Subtrae un bolso nunha clínica e, ao ser detida, enfróntase e cuspe os axentes da Policía Local de Vilagarcía
Por Redacción
A Policía Local de Vilagarcía detiña este luns unha muller de 38 anos e natural da cidade de Vigo como presunta autora dun delito grave de furto. A muller, segundo relatan desde o Concello de Vilagarcía de Arousa, subtraeu un bolso que se atopaba no interior dun despacho privado dunha clínica médica situada na Avenida Agustín Romero.
A dona do bolso e testemuñas da acción lograron interceptar á muller a 150 metros da clínica. Nese momento produciuse un altercado que finalizaba coa intervención da patrulla da Policía Local, que detiña á acusada. Unha vez nas dependencias da Policía Nacional volveu protagonizar outro incidente ao resistirse a ser cacheada por unha das axentes femininas e comezar a cuspir aos funcionarios policiais, segundo consta no parte da denuncia na que consta a forte resistencia activa da detida, que obrigou a que a reduciran antes de quedar en custodia da Policía Nacional.
A Policía recuperaba o bolso coas pertenzas que contiña: unha carteira con documentación a nome da vítima, varias tarxetas bancarias, chaves e mandos a distancia, un décimo da lotería de Nadal, un selo, un cargador de móbil e un estoxo no que se gardaban bolígrafos, cremas e pastillas. Con todo, a Policía Local indica que non se recuperaron os 900 euros que a vítima afirmaba que levaba no interior do bolso.