"Que se haga justicia", a petición dunha nai cuxa filla denuncia abusos por parte do seu padrasto
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A deste martes foi unha mañá dura para Olga e a súa filla. No ano 2018 denunciaron que cando a moza tiña 14 anos, sufriu tocamentos e relacións sexuais completas non consentidas co que entón era marido da súa nai e pai das súas irmás, con quen convivía.
O caso chegou a xuízo este martes, cinco anos despois dos feitos, tres despois da denuncia, e ao terceiro intento, pois houbo dúas suspensións anteriores. Ao revivilo, a moza desmoronouse, sufriu un ataque de ansiedade e tivo que suspenderse a vista oral para que puidese repoñerse.
Os nervios xa se lle notaban a Olga nada máis chegar á Audiencia Provincial de Pontevedra, en cuxo interior se celebraba o xuízo. Moi afectada, atendeu aos medios de comunicación e contou que da sesión tan só esperaba unha cousa, "que se haga justicia".
Xa antes de entrar á sala do xuízo sabía que sería duros e á pregunta de como estaba o seu fillo non lle atopou resposta e limitouse a dicir: "sin palabras". Si repetiu o tempo pasado desde os feitos ata este xuízo. "Es mucho tiempo, es mucho tiempo, mucho", declarou de forma reiterada. Sabía ademais que "volver a vivir todo esto" ía ser duro para a súa filla maior, como finalmente se confirmou.
Para arroupala, desprazáronse ata a Audiencia varias integrantes do Colectivo Feminista de Pontevedra, que despregaron a súa pancarta e déronlle o seu apoio. Para Olga resultou reconfortante, pois agradece todo o apoio de todas as asociacións feministas. "Son mi familia. Somos una familia y les agradezco mucho que estén aquí todas".
Entre as integrantes do colectivo asistentes estaba Catarina Cosque, que explicou que acudiron ás portas da Audiencia "para dar apoyo a las víctimas de este caso", pois consideran que non só está a sufrir a moza supostamente abusada, senón que "está sufriendo la familia entera".
Quixeron arroupalas e aseguran que farán o mesmo con "cualquier mujer que esté en esta situación" porque "ya que muchas veces desde las instituciones no sea el apoyo necesario, pues tenemos que estar los colectivos feministas para dar este apoyo"..
Jennifer Iglesias, compañeira do colectivo, sostén que "en el Código Penal la figura del abuso es demasiado laxa y cualquier tocamiento o cualquier situación que se dé contra tu voluntad y contra tu cuerpo tiene que ser considerado violación". A súa afirmación ten a súa explicación na petición da Fiscalía.
O fiscal, Juan Carlos Aladro, considera ao acusado autor de catro delitos de abuso sexual e un delito continuado de abusos sexuais polos que pide unha condena de 15 anos e 9 meses de prisión, pero os colectivos feministas cren que o delito debe ser agresión sexual ou violación.
Así, sinalan que o feito en si xa é grave, pero o é máis se se ten en conta de que a nena era menor e o suposto autor era a parella da súa nai, a quen segundo citaron algunhas fontes, a nena consideraba como o seu pai, e que tamén é pai das súas irmás. Ela é filla de Olga dunha relación anterior e xuntos tiveron dúas fillas biolóxicas.
Mentres o colectivo feminista se concentraba ás portas da Audiencia, no interior do edificio xudicial o xuízo celebrouse a porta pechada para salvagardar a identidade da vítima. Igualmente, non se facilitan imaxes do acusado para evitar, a través del, saber a identidade da vítima e, desta forma, proceder a unha dobre revictimización ao facer públicos os feitos.
A pesar de que se tomaron todas as precaucións para protexer a súa imaxe e para evitar o seu contacto directo co acusado, a moza declarou e sufriu un ataque de ansiedade no que necesitou apoio psicolóxico.
O xuízo empezou este martes, pero non puido terminar pola ausencia dunha testemuña esencial, segundo confirmaron fontes xudiciais. Tras practicar o resto da proba, suspendeuse e retomarase o próximo 14 de outubro. Ese día está prevista a declaración desta testemuña e tamén as conclusións das partes.
Durante a vista oral, a vítima reviviu os feitos, que, segundo recolle o escrito de acusación da Fiscalía, comezaron no verán do ano 2016. Aproveitando que a esposa se había ido cedo a traballar, o acusado pediulle á súa fillastra que se deitase na cama matrimonial e alí, manoseouna.
Os tocamentos repetíronse varias veces e mesmo nunha ocasión na que a fillastra "bebera en exceso", segundo a Fiscalía, cando ela estaba deitada e "sen permiso da menor e movido polo ánimo de satisfacer os seus desexos sexuais" mantivo relacións sexuais con ela.
Relacionadas:
-
Confirman a condena a un home que abusou da súa fillastra adolescente e insisten na "inexistencia de consentimento"
Por Natalia Puga |
-
O feminismo, tras a sentenza condenatoria por abusos a unha menor: "Esta é a xustiza que se debería facer"
Por Natalia Puga |
-
Once anos de prisión por abusar da filla da súa parella entre os 14 e os 16 anos e xustificarse en que ela o "provocaba"
Por Natalia Puga |
-
Os xuízos máis rechamantes do ano: do 'narcosubmarino' ao tiroteo nunha festa ou o cura que abusaba de menores
Por Oskar Viéitez |
-
A Fiscalía reclama unha condena de 10 anos de prisión para un acusado de abusar sexualmente da súa curmá menor de idade
Por Oskar Viéitez |
-
A denuncia dunha menor por abuso sexual do seu padrasto, na recta final cinco anos despois: vista para sentenza
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O Colectivo Feminista dá un paso á fronte e visibilizará casos de machismo na cidade
Por Redacción |
-
Concentración feminista ante a Audiencia para apoiar unha veciña de Poio e a súa filla, vítima de abuso
Por Natalia Puga |
-
A Fiscalía reclama quince anos e nove meses de cárcere para un acusado de abusar sexualmente da filla da súa parella
Por Oskar Viéitez |