O BNG de Cerdedo-Cotobade pide ao Concello a retirada de simboloxía franquista dos espazos públicos

Por Redacción

© BNG de Cerdedo-Cotobade
O BNG de Cerdedo-Cotobade pide ao gobierno local que aproveite unha convocatoria de subvencións da Deputación para a retirada dos vestixios franquistas que todavía existen nos espazos públicos do municipio.
Recordan os nacionalistas que xa en xaneiro do 2020 presentaron en pleno unha moción solicitando esta actuación, pero foi rexeitada polo PP alegando que non contaba con fondos para poder levar a cabo esa actuación.
Con esta liña de axudas do ente provincial, a formación que lidera Ernesto Filgueira considera que "a escusa dada polo rexedor municipal para non cumprir coa Lei de Memoria Histórica non ten xa sentido".
Esta liña de axudas poderá destinarse a obras de retirada de escudos, insignias e placas das rúas con nomes relacionados co franquismo; retirada de estatuas, mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectivo; ou a rehabilitacións e restauracións dos elementos dos bens inmobles de titularidade municipal directamente afectados coa retirada da simboloxía franquista.
Polo tanto, dende o BNG instan ao rexedor Jorge Cubela a que, "por dignidade e hixiene democrática", solicite a subvención e acometa a eliminación de todos os restos aínda visíbles do Franquismo no término municipal de Cerdedo-Cotobade.
Á mesma liña de axudas fai referencia o BNG de Vilaboa, que anima non só ao Concello, senón tamén a colectivos como Comunidades de Montes e terceiros propietarios a solicitar a subvención para a retirada destes elementos.
Relacionadas:
-
O Día da Galiza Mártir volve sacar á luz a simboloxía fascista de 35 inmobles e unha rúa de Cerdedo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Desencontro entre BNG e PP ao negarse os populares a nomear persoa non grata a Escotet en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
O BNG propón recuperar os roteiros de sendeirismo e BTT e convertelos nun "catalizador económico"
Por Oskar Viéitez |