O atasco dun colector, causa do desbordamento de augas fecais no PAC de Baltar
Por Redacción
A incidencia que provocou o desbordamento de augas fecais no Centro de Saúde de Baltar, no Punto de Atención Continuada (PAC) de Portonovo, quedou emendada este martes tras unha intervención no lugar.
Segundo detectaron técnicos do Sergas e do servizo de saneamento municipal, a causa do desbordamento que afectou á sala de espera de urxencias foi o atasco nun colector.
Este martes os operarios procederon a desobstruir a tubaxe, retirando obxectos como luvas de plástico, gasas, panos ou máscaras que non permitían a circulación da auga provocando que se desbordase nun dos puntos máis baixos do edificio.
Ademais da actuación de urxencia da concesionaria municipal, Espina y Delfín, o Concello de Sanxenxo adianta que será necesario unha actuación por parte da Consellería de Sanidade para lograr unha solución a longo prazo, uns traballos que estaban xa previstos segundo manifestou nunha visita ao lugar o director de Recursos Económicos da área Sanitaria, Vicente García, acompañado do alcalde Telmo Martín.
De feito, no plan de melloras para o PAC de Baltar preténdese realizar nos próximos meses varias actuacións como a mellora da cuberta antiga, o pintado interior de distintas zonas, vernizado do chan na zona de Pediatría e melloras nas zonas de traballo de PSX e radioloxía, todo cun investimento superior aos 60.000 euros.