A Mesa de Traballo Contra a Violencia de Xénero de Marín detecta un incremento dos casos de violencia sexual entre adolescentes
Por Redacción
A declaración institucional que se lerá en Marín con motivo do 25N, Día Internacional da loita contra a violencia sobre as mulleres, procurará lanzar unha mensaxe sobre a necesidade de traballar nunha sexualidade responsable entre a poboación máis nova, xa que, segundo se concluíu dende a esa de Traballo Contra a Violencia de Xénero, detéctase un incremento dos casos de violencia sexual entre adolescentes.
A Mesa de Traballo mantivo este martes unha reunión. Estivo presidida pola concelleira de Igualdade, Marián Sanmartín, e participaron representantes do CIM de Marín, Servizos Sociais, as policía Local e Nacional, a asistenta social do centro de saúde, a representante do Punto de Intercambio Familiar, así como a xefa da unidade de violencia de xénero da Subdelegación do Goberno, Manuela Villaboy.
Aproveitouse para facer unha primeira aproximación aos puntos que se incluirán no contido da declaración do 25N e outra das ideas que se puxo sobre a mesa foi reforzar a idea da parentalidade positiva nas familias, traballando sobre todo nos casos de divorcio, para que haxa unha corresponsabilidade real no coidado dos fillos.
Así, segundo explicaron a través dun comunicado, os casos que recentemente se deron de violencia vicaria puxeron tamén sobre a mesa esta forma de instrumentalización das crianzas nas parellas. Por iso, desde o CIM queren visibilizar neste 25N o recoñecemento legal de vítima da violencia de xénero por violencia vicaria, e que se faga con carácter retroactivo.
Tamén se visibilizará a violencia económica, centrada na falta de pagamento de pensións de alimentos ou compensatorias, despois dunha sentencia da Sala do Penal do Tribunal Supremo do 17 de marzo sobre este asunto.
A Mesa repasou as accións que se levaron a cabo nos últimos meses pola Concellaría de Igualdade a través do CIM. Algunhas delas activaranse a partir desta semana. O 7 de outubro iniciarase un Grupo de Intervención Comunitaria aberto ao público, o primeiro e o terceiro xoves de cada mes de 18.00 a 20.00 horas, que será aberto ao público e que terá como obxectivo a creación dun espazo de expresión que permita a reflexión de ideas e pensamentos en común.
Tamén se porá en marcha un programa de acompañamento sociolaboral para mulleres vítimas de violencia de xénero, un recurso de atención e orientación que serve para mellorar a situación persoal, social e laboral das mulleres vítimas ou en situación de vulnerabilidade.
Ademais, acordouse a creación do módulo de sensibilización en Igualdade, unha plataforma online con catro temas distribuídos en 12 horas e que estará a disposición da cidadanía en www.cimdemarin.es, e a activación do grupo de intervención terapéutica para mulleres, que comezará o 7 de outubro. Reunirase o primeiro e o terceiro xoves de cada mes de 10 a 12.