Pasarón contará, temporalmente, cun aparcamento disuasorio con capacidade para 130 vehículos
Por Alejandro Espiño
A parcela situada na entrada principal do estadio de fútbol de Pasarón terá un novo uso, polo menos de forma temporal. O goberno municipal estuda habilitala como aparcamento disuasorio. Así llo trasladarán a veciños, comerciantes e ao Pontevedra CF, a quen se consultará sobre este proxecto para coñecer as necesidades actuais do barrio. Será nunha reunión que se celebrará este luns ás 19.00 horas.
O terreo, duns 3.000 metros cadrados, está catalogado como zona verde e contaría con espazo suficiente para 130 vehículos. Segundo o plan presentado pola Policía Local, a entrada e saída a este aparcamento faríase pola rúa Luís Otero, ao ser imposible habilitalas a través da Avenida da Coruña. O Concello calcula que podería estar dispoñible antes de que finalice este ano.
O investimento económico necesario "sería mínimo", segundo explicou o concelleiro delegado de obras urbanas, Luís Bará. E o máis importante, sinalou, non impedirá revertir a situación. ÿ dicir, poder acometer a zona verde prevista inicialmente no convenio de construción do novo estadio de Pasarón, "que non podemos acometer actualmente polo seu elevado custe", a condición de que haxa partida presupuestaria para facelo.
En Juan Carlos I e o IES Torrente Ballester proxéctanse outros dous aparcamentos para uns 100 coches cada un
Este aparcamento disuasorio sumarase aos outros dous proxectados na cidade, o situado na parcela de Juan Carlos I onde se ía a construír o novo Carlos Oroza, ou o que estará nas proximidades do IES Torrente Ballester. En ambos casos son terreos destinados a equipamentos e terán este mesmo uso temporal que o de Pasarón. Serán 100 prazas en cada un e as súas obras requirirán unha tramitación algo máis complexa.
Con estes tres novos aparcamientos disuasorios, Bará explicou que se dá servizo a tres zonas da cidade "cunha elevada actividade" residencial e comercial á que se lle quere dar resposta con estes proxectos.
OUTRAS OBRAS URBANAS
Ademais, Bará informou sobre as últimas novidades sobre as obras de peonalización de Benito Corbal. As malas condicións climatolóxicas obrigaron a instalar unha pequena carpa para que a auga non impida a colocación de lastros e atrásense estes traballos. Esta parte da obra iniciouse este luns pola zona máis próxima a Sagasta e obrigará a cortar puntualmente algún acceso aos garaxes.
A piques de terminarse están, doutra banda, as obras en Valentín García Escudero. Inaugurarase este venres 25 de outubro o parque infantil, a zona verde e a actuación arqueolóxica. Será cunha festa infantil desde as 17.30 horas. Publicaranse tamén unha serie de folletos explicativos para "dinamizar e divulgar ese conxunto", concluíu o concelleiro nacionalista.
Relacionadas:
-
O Concello e a Deputación pagarán a medias a mellora da finca de acceso a Pasarón
Por Redacción |
-
Louzán define coma un "manchón" o aparcadoiro disuasorio fronte ao Estadio de Pasarón
Por Oskar Viéitez |
-
O estacionamento temporal do Burgo abrirá durante esta semana
Por Redacción |
-
A Parda terá habilitado o novo aparcamento disuasorio para 100 coches antes de fin de ano
Por Natalia Puga |
-
A Parda contará cun aparcamento disuasorio fronte ao Conservatorio
Por Diego Espiño |
-
O "abandono" da parcela de Pasarón centra de novo as críticas do Partido Popular
Por Diego Espiño |