Unha lección inaugural para comenzar o curso no grado de Dirección e Xestión Pública
Por Redacción
Este xoves terá lugar o acto de apertura académica dos estudos de Dirección e Xestión Pública.
O decano da facultade, Enrique Varela, explicou que no marco do proceso de creación desta facultade, que agrupará o grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, avogouse por "recuperar " as leccións inaugurais e finais, que servisen "para marcar eses tempos académicos e reunir toda a comunidade do grao, do máster, antigos alumnos", entidades colaboradoras e demáis.
Nesta ocasión será o catedrático da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona Carles Ramió que impartirá unha conferencia que leva por título: "2020-2030, una década crucial para renovar la administración pública" e que se desenvolverá de xeito presencial no salón de graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e tamén poderá seguirse en directo, a partires das 17.00 horas, a través de UVigo TV.
A futura facultade tamén terá un carácter "híbrido" xa que acollerá un grao que conta cunha modalidade presencial e outra virtual. De feito, Dirección e Xestión Pública converteuse o pasado curso "no primeiro grao virtual de Galicia", que se suma "á experiencia dun mestrado que se imparte online desde hai máis de dez anos e que está plenamente consolidado", o de Dirección Pública e Liderado Institucional.
Nese senso, Enrique Varela destacou como "moi digno" o arranque da modalidade virtual que implicou un "gran desenvolvemento interno e de docencia" e que no presente curso cubriu as súas 20 prazas de novo ingreso, tanto con estudantado galego, como de Madrid, Córdoba ou Valencia.
Tras o seu paso polos órganos de goberno da Universidade, a memoria de creación desta nova facultade atópase agora pendente da súa aprobación por parte do Consello Galego de Universidades, Consello da Xunta, a súa publicación no DOG e comunicación á Conferencia General de Política Universitaria.