Convocada unha nova xornada para erradicar especies invasoras en Beluso
Por Redacción
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Beluso, no Concello de Bueu, organiza para o sábado 16 de outubro ás 16.30 horas a terceira Xornada de Erradicación de Especies Invasoras, na que participan os integrantes da Comunidade, ademais de persoas voluntarias.
Os traballos para esa xornada desenvolveranse no monte de Cereixido e na parte baixa do monte de Borrallido, nas proximidades da estrada PO-315, que une Beluso con Aldán, no tramo que percorre uns 100 metros despois da curva de Nocedo ata chegar aos montes de Campelo e A Queimada, no límite entre os municipios de Bueu e Cangas.
Nesta sesión está prevista a eliminación de cortadeiras, as coñecidas como herbas da Pampa, unha especie moi estendida polas contornas das autoestradas e que, segundo Xoán Pastoriza, secretario de CMVMC, ameazan con romper o equilibrio ambiental do monte en Galicia.
Ademais, aproveitarase para arrincar plantas novas de eucalipto que naceron onde a Comunidade de Montes plantaran carballos e castiñeiros. Tamén se estuda a posibilidade, segundo o número de persoas que se somen a esta acción, de acometer a deseucaliptización da parte baixa do monte do Carafigo e Brazás, na zona da estrada que comunica a Praia de Lagos coa aldea da Roza.
Aquelas persoas interesadas en participar nesta xornada deberán inscribirse antes do xoves 14 de outubro a través deste formulario. Tamén é posible reservar praza chamando ao teléfono 684.371.606 ou enviando un correo electrónico a comunidademontesbeluso@gmail.