Desconvocan a concentración no IES de Poio porque Educación cubrirá a praza demandada no centro
Por Redacción
Finalmente, a Consellería de Educación decidiu cubrir a praza vacante da profesora de Xeografía e Historia do IES de Poio, segundo indicaban desde a dirección do centro. Este cambio levou a que a comunidade educativa do centro desconvocase a concentración prevista para a tarde deste mércores.
Desde a dirección do centro denunciaran a marcha dunha profesora para cubrir outro posto nun organismo que tamén depende da Consellería de Educación sen que, desde a administración autonómica, contemplasen a designación doutro docente para cubrir esa praza. Esta situación causaba un problema para o alumnado de primeiro de ESO e de segundo de Bacharelato.
Por este motivo, ao longo desta semana, o profesorado do centro protagonizou protestas no vestíbulo do instituto reclamando que se nomease a un novo profesor para o IES de Poio en defensa da educación dos estudantes, que se vían prexudicados nesta situación.