O orzamento municipal para 2014 chegará aos 65 millóns de euros, a pesar dos recortes de Xunta e Estado
Por Alejandro Espiño
700.000 euros. ÿ a cantidade na que se reducirán en 2014 as transferencias do Estado ao Concello de Pontevedra, segundo os datos desvelados este luns polo concelleiro de Facenda, Raimundo González. Serán en total pouco máis de 17 millóns de euros, algo que "condicionará o orzamento á baixa", xa que explicou que tamén descenden as achegas da Xunta. Entre ambas administracións, 1,1 millóns de euros menos que en 2013.
Baixo estas premisas e seguindo a normativa recollida na Lei de estabilidade financeira e no chamado teito de gasto, o orzamento do Concello de Pontevedra para 2014 tería que moverse, segundo Raimundo González, nuns 61 ó 62 millóns de euros, unha cantidade "inasumible para nós". As cifras que manexa o goberno municipal é alcanzar os 65 millóns de euros, adiantou o edil nacionalista.
"Queremos facer un orzamento expansivo", asegurou o concelleiro de Facenda, que cualificou as contas estatais e autonómicas, presentadas recientemente, como "restrictivos". En ambos, sinalou, a débeda aumenta, mentres que nas cifras que manexa o concello pontevedrés reducirase a débeda municipal e as cantidades amortizadas serán maiores.
Para chegar a esa cifra de 65 millóns de euros, o Concello de Pontevedra aposta pola contención no gasto, coa excepción dos servizos que, contractualmente, deban actualizar os prezos como a recolleita de lixos, o abastecemento de auga, a enerxía eléctrica ou o gasóleo para a calefacción dos colexios.
Ademais, manteranse as partidas de persoal e as transferencias correntes e producirase un aumento "substancial" dos investimentos, para que "sen menoscabo do gasto social", póidanse xerar postos de traballo na cidade. Se o orzamento baixase dos 65 millóns proxectados "non poderíamos asumir compromisos xa adquiridos".
En todo caso Raimundo González, que sinalou que a negociación política co PSdeG-PSOE para o reparto do diñeiro entre áreas aínda non comezou, afirmou que os orzamentos municipais de Pontevedra para 2014 "son bastante fronte á nada da Xunta de Galicia". As contas autonómicas, dixo, "discriminan" a Pontevedra, aos pontevedreses e ao Concello, e non dan resposta a compromisos adquiridos.
Relacionadas:
-
BNG e PSOE ratificarán a próxima semana o acordo para aprobar o presuposto
Por Redacción |
-
O orzamento municipal para 2014 superará os 65 millóns de euros, un 3,3% máis que o anterior
Por Alejandro Espiño |
-
Raimundo González sinala que o goberno local ten "vontade" de elaborar orzamento para 2014
Por Alejandro Espiño |