A reforma do Gorgullón complétase con "actuacións cirúrxicas" en cinco rúas do barrio
Por Alejandro Espiño
Pola Rúa da Moa, unha das travesías entre Eduardo Pondal e O Gorgullón, comezaron as cinco "actuacións cirúrxicas" que, segundo o edil de Obras, Demetrio Gómez, faranse no barrio durante catro meses para completar a reforma integral da rúa principal.
Esta rúa pasará a contar con plataforma única e manterase o sentido da circulación. Para mellorar a súa accesibilidade, o lado dereito da rúa terá un pavimento continuo que combinará formigón varrido con baldosa. Pola esquerda haberá escaleiras que permitirán sortear pendentes de ata o 20% e deixar accesos en plano a garaxes e comercios.
A continuación reformarase a Travesía de Eduardo Pondal, que terá tamén plataforma única e un pavimento que combinará formigón e baldosa, para que os vehículos poidan "moverse con facilidade", explicou o concelleiro nacionalista.
Menos profundas serán as actuacións previstas na Rúa Curtidoira e en Pedro Sarmiento de Gamboa porque ambas "están ben", segundo o responsable municipal de Obras, polo que se elevará o carril de circulación ao nivel das beirarrúas para crear plataforma única en formigón.
Ademais, plantarase arboledo nas dúas rúas para "darlle sensación de confort" e as prazas de aparcamento pasarán a estar reservadas para servizos.
A quinta actuación será na Praza de Ponte Boleira. Alí manterase o carril de circulación para separalo visual e fisicamente do parque infantil e instalaranse pasos elevados.
En todas elas, engadiu Demetrio Gómez, revisaranse as redes de pluviais e renovarase a iluminación pública e todo o tendido eléctrico.
O Concello inviste nestas cinco obras uns 298.000 euros.
Relacionadas:
-
Denuncian o "abandono" de Pedro Sarmiento de Gamboa desde o fin das obras da contorna do Gorgullón
Por Redacción |
-
O Concello adoptará "decisións" para reducir "racionalmente" o tráfico en Eduardo Pondal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Prorrogada ata o 14 de marzo a reforma das rúas perimetrais do Gorgullón
Por Redacción |
-
As rúas perimetrais do Gorgullón terán plataforma única e prioridade peonil
Por Alejandro Espiño |
-
As rúas perimetrais do Gorgullón priorizarán a mobilidade peonil arredor da residencia Soremay
Por Redacción |