Uxío Benítez reivindica o espazo público como elemento de cohesión social
Por Redacción
"O espazo público debe ser a base da nova sociedade que temos que construír e polo tanto o centro da Nova Bauhaus Europea (NBE)". Así o manifestou este mércores o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez na sesión organizada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no ‘I Foro Urbano de España’ para falar da iniciativa da Nova Bauhaus.
A Nova Bauhaus Europea é unha iniciativa creativa que abre un espazo de encontro entre diferentes disciplinas para deseñar futuras maneiras de vivir e sitúase na encrucillada entre a arte, a cultura, a inclusión social, a ciencia e a tecnoloxía.
Segundo apuntou o nacionalista de maneira provocativa ante un auditorio principalmente formado por persoas vencelladas á arquitectura, é "elemental" deixar de preocuparse por construír espazos privados ou edificios singulares atractivos.
Afirmou que é preciso poñer o foco no deseño e mellora do espazo público, "o único realmente utilizado por todas as persoas", para crear unha Nova Bauhaus que realmente poida lograr cambios na sociedade facéndoa máis cohesionada e inclusiva nun futuro.
Benítez lanzou a idea de que os países do sur de Europa deben ser a "vangarda" e a "bandeira" da Nova Bauhaus Europea precisamente porque son os que teñen máis vinculación co espazo público polo uso que as persoas fan das rúas tanto por cuestións climáticas, históricas como sociolóxicas.
Á hora de respostar á pregunta sobre quen debe apostar por modelos urbanos que melloren o espazo público, Benítez insistiu que a iniciativa debe chegar das institucións. Foi neste punto onde puxo o exemplo da Rede Ágora de Concellos polo espazo público e asegurou que pode servir de base para artellar outras colaboracións institucionais en diferentes niveis.
A participación do deputado provincial Uxío Benítez para falar de Ágora na sesión sobre a Nova Bauhaus Europea do ‘Foro Urbano’ xurde porque o Ministerio de Mobilidade e Axenda Urbana solicitou contribucións sobre formas de vida "fermosas, sostibles e inclusivas" a diferentes administracións para traducir esas ideas nun documento político e artellar a cooperación internacional coa acción local.
Relacionadas:
-
A Deputación, anfitrioa do 25 Congreso Vyodeal, que reunirá en Pontevedra a expertos en mobilidade
Por Natalia Puga |
-
A Deputación participa na creación do Foro Local para a Axenda Urbana Española
Por Oskar Viéitez |
-
Tonucci asegura que unha cidade está enferma se desaparecen os nenos das rúas
Por Redacción |
-
A Deputación estará presente en dous foros en Mallorca e Sevilla sobre desenvolvemento sostible e axenda urbana
Por Redacción |
-
Retornan as sesións da Facultade Ágora coa directora de Saúde Pública da OMS
Por Redacción |