Os golfiños que vararon no Grove desorientáronse polo temporal
Por Redacción
Os dous golfiños que o pasado domingo tiveron que ser rescatados porque quedaron varados na parte interior da Enseada do Grove, entre As Besadas e o Illote de Loraña, acabaron alí porque se desorientaron polo temporal da noite anterior.
Esta é a conclusión á que chegou a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), que foi alertada o domingo polo equipo de Emerxencias do Grove e desprazou ao lugar tres unidades móbiles para asistir os golfiños, unha femia adulta e un xuvenil de golfiño común, Delphinus delphis.
Os especialistas examinaron de forma externa os animais e comprobaron o seu aparente bo estado de saúde, pois apenas presentaban uns ecto-parásitos nas aletas que lles foron retirados. A continuación, procederon á súa liberación e nos últimos días continuaron a facerlle seguimento. Concluíron que os exemplares non volveron varar nestes días e non foron observados dende a costa na Ría de Arousa, polo que se considera que se reintegraron no seu medio.
Desde CEMMA explican que xa no primeiro momento barallouse a posibilidade de que o varamento fose por causa dun erro de navegación. A noite anterior toda Galicia sufriu un forte temporal, especialmente duro no mar, o que puido provocar o achegamento á costa dos exemplares e a entrada na Ría de Arousa durante a noite.
Se os golfiños chegan á parte interior da Ría da Toxa, perden as súas referencias, desorientándose. O bo estado de saúde amosado pola analítica sanguínea dos dous golfiños confirma esta hipótese.
Por motivos que se descoñecen, os golfiños ven na ponte da Toxa unha porta pechada e no istmo da Lanzada unha porta aberta, de maneira tratan de saír a mar aberto atravesando a barra de area. Ao comprobar que non teñen saída, rematan varando na enseada.
Segundo explican desde CEMMA, non se coñece con exactitude as razóns deste comportamento, podería ser debido a que seguen as liñas magnéticas do terreo, que lles achegan información errónea, pois hai apenas 500 anos O Grove era unha illa, uníndose ao continente posteriormente pola barra de area da Lanzada.
Esta asociación alerta de que hai moitos casos de varamento nesta mesa zona dende 1990 e defínea como "unha verdadeira trampa ou rateira de cetáceos". Así, aseguran que "nin sequera os arroaces, expertos coñecedores da Ría, se aventuran a achegarse moi a miúdo pola zona polo risco que supón para eles".