Portos de Galicia realizará unha batimetría para estudar unha remodelación do porto de Santa Cristina de Cobres
Por Redacción
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, contempla realizar unha batimetría para identificar a actividade das correntes mariñas no porto de Santa Cristina de Cobres, no municipio de Vilaboa. Rosa Quintana, titular da consellería, trasladaba esta información ao portavoz municipal do Partido Popular, Alberto Acuña.
A reunión mantíñase coa presenza da presidenta de Portos, Susana Lenguas. Ambas as representantes da administración autonómica sinalaban que este levantamento topográfico do relevo de superficies do terreo deste porto é un paso previo necesario para comezar a redactar o proxecto de remodelación da instalación portuaria.
A idea desta reforma é mellorar a operatividade e reducir o impacto ambiental, sobre todo no hidrodinamismo nesta contorna. Técnicos de Portos de Galicia mantiveron encontros con representantes do sector portuario e coa confraría de pescadores para analizar as necesidades que permitan elaborar o proxecto. Segundo indican desde a Consellería, a proposta terá en conta a solicitude de permitir o paso de auga dunha a outra parte da lámina dividida polo embarcadoiro, con esta acción favoreceríase aos bancos marisqueiros.