A xustiza avala o peche de Raíña Vitoria, que o Concello estuda facer definitivo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de dar a razón ao Concello de Pontevedra na súa decisión adoptada en setembro de 2020 de pechar ao tráfico a rúa Reina Vitoria xustificando a súa necesidade na situación de pandemia. Tomando como referencia este respaldo municipal, agora a Administración local continuará cos estudos para que este peche ao tráfico sexa definitivo e a rúa pase a estar peonil.
A decisión municipal materializouse nun bando da Alcaldía do 23 de setembro do ano 2020 que un mes despois recorreron o avogado Evaristo Estévez e as asociacións empresariais Aempe, Jóvenes Empresarios (AJE), a Cámara de Comercio e os hostaleiros de Hoempo. Agora, o TSXG ditou sentenza en resposta a este recurso, desestimouno e, por tanto, avala o bando.
O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, deu a coñecer a resolución xudicial este xoves e explicou que recoñece que o bando municipal era "un instrumento acaído" e " ben xustificado por mor da pandemia".
Segundo indicou, este fallo segue a mesma liña dun previo ditado polo TSXG no ano 2006 desestimando un recurso do PP contra un bando do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, de 2002 para regularizar as peonalizacións que o BNG empezara á súa chegada ao Goberno local no ano 1999.
En ambas as sentenzas, o TSXG lémbrase que o Plan Xeral de Ordenación Municipal e as distintas ordenanzas municipais en vigor en 2002 e 2020 fixan que as competencias para adoptar este tipo de decisións corresponde ao alcalde ou o concelleiro responsable.
Esta sentenza, en opinión de Demetrio Gómez, "clarifica o terreo do que se pode facer". Así, lembra que o peche se acordou xustificado nas necesidades derivadas da covid-19 para garantir un acceso seguro ao instituto Sánchez Cantón e, agora que a situación da pandemia está a mellorar, a intención municipal é "completar todos os estudos" sobre o impacto desta peonalización para que quede finalmente limitada "para ou tráfico peonil e de bicicleta".
A próxima semana prevén ter todos os datos dunha serie de informes realizados sobre o impacto desta decisión no tráfico da cidade, pero, de momento, Demetrio Gómez xa avanzou que nas rúas Echegaray e Eduardo Pondal o tráfico reduciuse ao redor do 20% e constatouse "melloras evidentes" nas contornas dos centros escolares, non só no "obvio" do instituto Sánchez Cantón, senón tamén do colexio Campolongo.
Segundo Demetrio Gómez, na actualidade na cidade hai "un tráfico máis fluído en liñas xerais", aínda que recoñece que sabe se está derivado unicamente do peche de Raíña Vitoria ou se se debe tamén a outros medidas como a reordenación do tráfico na contorna da estación de autobuses co acceso desde a avenida Xosefina Arruti. Asegura tamén que a pesar da reorganización actual do tráfico na avenida José Malvar por obras "a cidade está a aguantar ben".
O concelleiro non se atreve a poñer data a esa decisión definitiva sobre o peche da rúa nin tampouco ao proxecto que o Concello ten en carteira para esa rúa, un skate park, pois está a sufrir múltiples atrasos.
Relacionadas:
-
Un bando sentencia o peche definitivo de Raíña Vitoria
Por Natalia Puga |
-
Unha concorrida manifestación esixe ao goberno local a reapertura ao tráfico de Raíña Vitoria
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Raíña Vitoria seguirá pechada ao detectarse unha baixada de máis de 5.000 vehículos diarios na contorna
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Evaristo Estévez, promotor do recurso sobre Raíña Vitoria, ve na falta de oposición veciñal un apoio á medida
Por Natalia Puga |
-
O PP pide a reapertura de Raíña Vitoria tras o fin do estado de alarma e ante o fin do curso escolar
Por Natalia Puga |
-
Multas de 100 e ata 500 euros aos condutores na rúa Raíña Vitoria
Por Oskar Viéitez |
-
Catro asociacións empresariais denuncian diante da Xustiza o peche ao tráfico de Raíña Vitoria
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Un bando regula o peche da rúa Raíña Vitoria
Por Redacción |