Mosquera acusa á Xunta de buscar intencionadamente un maior atasco na Ponte da Barca
Por Alejandro Espiño
O tráfico entre Pontevedra e Poio complicarase enormemente desde este martes. As obras da rede de abastecemento de auga que executa a empresa Acuaes obrigará a cortar un carril da PO-308 en Poio, a denominada Avenida da Barca. Pero esta restricción afectará ao resto de viais próximos, entre eles, a Ponte da Barca que une ambos municipios. Só será de entrada na cidade, malia que a Xunta quería que mantivese o dobre sentido.
Así o afirmou o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, que desvelou que o pasado venres, a Xunta de Galicia, a través de Servizo Provincial de Estradas, comunicou a Tráfico as restriccións de circulación que sufrirá esta zona. Pero en dita comunicación non se facía referencia á Ponte da Barca, de titularidade autonómica, xa que "non resulta afectada pola execución das obras", polo que "non se contempla ningunha alteración do tráfico".
"O que se traduce deste escrito é que a Xunta quere manter o estatus quo desta zona", sinalou César Mosquera, que recordou as deficiencias que presenta en materia de mobilidade de vehículos e peóns. Pero foi máis aló. Afirmou que se non se cortase ao tráfico o carril de saída da ponte da Barca, "o atasco sería terrible e estenderíase a toda a cidade", colapsándoa durante gran parte do día.
Por iso é polo que Pontevedra e Poio, en virtude das súas competencias en viales da súa titularidade, preparasen de forma conxunta un operativo especial de tráfico, comunicado a Tráfico na tarde do venres. Nel, non se contempla a limitación de circulación na ponte, ao ser a Xunta a responsable del, "pero ao limitar o tráfico en Alfonso XIII e Echegaray xa queda cortado de facto, porque desde Pontevedra non chegarán coches á ponte".
Mosquera sinalou que "dános igual" o que queira facer a Xunta agora coa circulación da ponte "como se queren que os coches dean media volta no medio ou que o carril que sobra se dedique a aparcamentos". Entende o concelleiro nacionalista que esta decisión, tomada de forma conxunta entre Pontevedra e Poio, axudará a reducir o impacto das obras sobre o tráfico nas próximas semanas.
En todo caso, César Mosquera recoñeceu que, especialmente polas fortes choivas que se esperan para os primeiros días destas obras, "haberá algún conflito". Recoñeceu que "non é o mellor momento para facelo, pero nos ven imposto". Por iso apeló á "responsabilidade" dos condutores para que eviten esta zona nas horas de maior densidade de circulación, para reducir os atascos que se poidan producir.
PLAN DE TRAFICO
A partir das 9.30 horas deste martes quedará pechado o vial de saída cara a Poio na ponte da Barca. Con esta decisión, a Policía Local, ademais de evitar unha sobrecarga de circulación no punto no que se realizarán as obras, intenta que non se produza un colapso de tráfico no tramo de saída da cidade que compoñen as rúas Eduardo Pondal, Praza de Galicia, Augusto García Sánchez, Alameda e Echegaray.
Manterase o sentido de entrada á cidade a través da ponte da Barca e Paseo Colón, aproveitando que en Poio tamén se permitirá o tráfico de saída na Avenida da Barca onde se van a acometer as obras. A rúa Alfonso XIII quedará pechada á circulación e só poderá empregarse para a mobilidade de residentes e servizos e garaxes, do mesmo xeito que Alameda, Xeneral Martitegui, Echegaray, Jofre de Tenorio e A Barca.
Entre outros cambios, a parada de autobús da rúa Echegaray trasladarase á Avenida das Corbaceiras e suprímese a parada do autobús turístico na Alameda. Só quedarán habilitadas as dúas da rúa San Roque.
A Policía Local recomenda aos condutores que desexen saír da cidade cara a Poio ou cara á zona de O Salnés que se trasladen a través da ponte das Correntes, ou ben a través da AP-9 con saída norte (na rotonda dos bombeiros) e as estradas de Santiago, Ourense ou Vilagarcía.