Por Pontevedra só circulan 52 coches eléctricos
Por Manu Otero
Pontevedra é un municipio no que o vehículo eléctrico aínda non entrou con forza. Nos concesionarios recoñecen que a inmensa maioría de vendas correspóndense con vehículos que empregan combustibles fósiles como carburantes e un recente informe da DXT avala esta tese.
O balance de vehículos matriculados na capital a agosto do 2021 desvela que só 52 turismos de tipo eléctrico circulan polas rúas da Boa Vila. Unha cifra que aumenta ata os 99 se se teñen en conta outro tipo de vehículos.
Ademais dos 52 turismos, están matriculados en Pontevedra 17 furgonetas, 15 motocicletas, 11 ciclomotores, un camión de menos de 3,5 toneladas e tres vehículos doutros tipos.
En comparación co resto de coches que circulan a diario polas estradas pontevedresas, a porcentaxe que corresponde aos coches eléctricos queda nun escaso 0,11%.
Na cidade do Lérez están matriculados 43.477 turismos, dos que máis da metade (26.331) usan carburante tipo diésel, mentres que 17.026 funcionan con gasolina. Con todo, existen 62 que empregan gas licuado de petróleo, 4 fano con gas natural comprimido e un con gas natural licuado.
Nos concesionarios recoñecen ter dificultades para dar saída a este tipo de vehículos. "En Galicia non temos problemas de mobilidade, nin de contaminación. Tampouco temos normas que restrinxan o uso de vehículos de combustión", enumeran no concesionario Opel de Aelsa as razóns pola que os condutores seguen inclinándose por vehículos menos respectuosos co medio ambiente.
As dificultades para atopar lugares nos que recargar os coches eléctricos é outro motivo que desanima aos compradores, sobre todo pola ausencia de prazas con cargadores nos garaxes das comunidades de veciños.
Relacionadas:
-
Iberdrola instalará en Pontevedra un punto de recarga para coches eléctricos
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra ten 109 vehículos eléctricos censados e conta con 21 puntos de recarga
Por Redacción |
-
Os coches eléctricos xa se poden cargar no campus universitario
Por Redacción |
-
Xa se poden recargar coches eléctricos no Hiper Froiz
Por Redacción |
-
A falta de microchips baleira os concesionarios e obriga aos clientes a esperar ata sete meses polo seu coche novo
Por Manu Otero |