O colexio Inmaculada recicla material escolar para financiar proxectos solidarios en Angola ou Bolivia
Por Redacción
O colexio CPR Inmaculada de Marín lanza unha campaña de reciclaxe solidaria para coidar o planeta e apoiar proxectos en países en vías de desenvolvemento. Para levala a cabo contan coa colaboración do Concello para instalar distintos puntos de recollida na vila.
O obxectivo desta acción é conseguir reciclar material escolar: bolígrafos, rotuladores, fluorescentes, marcadores, lapis mecánicos, correctores e estilográficos que se consumen día a día.
A empresa Terracycle será a encargada da xestión deses residuos, de tal xeito que por cada 20 kg de material escolar reciclado, créanse puntos canxeables por cartos para a ONG Misevi.
Esta organización non gubernamental pon en marcha en Angola e Bolivia proxectos educativos e de apoio a mulleres e a outros colectivos desfavorecidos.
Tal e como informaron hoxe na presentación, na que participou a concelleira Marián Sanmartín, haberá tres puntos de recollida do material: no propio CPR Inmaculada, na entrada do Concello e na entrada da Biblioteca Pública Vidal Pazos.
Por outra banda, a iniciativa está aberta a outros centros educativos, que poden rexistrarse na campaña escribindo un email a oficina.proyectos@misevi.es.