O "Outono Cultural" de Cuntis vén cheo de excursións, andainas, obradoiros, teatro, magostos e xogos
Por Redacción
O Concello de Cuntis pon en marcha un programa de actividades culturais e de lecer para o outono que se adecuará a tódolos públicos.
A primeira cita deste "Outono Cultural" terá lugar o sábado 9 de outubro con xogos populares pero adaptados á bicicleta, xa pola tarde, será a quenda de Fran Ameixeiras que impartirá un obradoiro de caza prehistórica entre os máis cativos na Praza da Constitución. Fran Ameixeiras repetirá o seguinte sábado con outro obradoiro de Arte Rupestre na mesma Praza da Constitución que gozará pola mañá da segunda edición de xogos en bici.
En calquera outono non pode faltar un bo magosto e Cuntis contará co seu o día 30 de outubro no que ademais haberá un obradoiro de cabazas para os máis cativos.
Dentro desta programación tamén se encadran tres excursións, que neste caso será a continuación dun programa de gran éxito entre a veciñanza cuntiense que veu pausadas estas viaxes pola crise sanitaria provocada pola covid-19. Entre os destinos elixidos nesta ocasión atópanse o país veciño, o castelo de Pambre ou a cidade olívica.
Outras das actividades son as saídas micolóxicas para a que se contará cun especialista na materia que axudará a especializarse e comprender un pouco máis deste mundo apaixonante a través dunha saída de campo no dará as chaves para identificar os cogomelos comestibles.
Nesta ampla programación terá lugar tamén o Samaín e outras moitas actividades impartidas no espazo CuntisXove.
E tamén hai lugar para a obra de teatro "O Ogrocho" de Teatro de Ningures, que será representada o sábado 20 de novembro. E haberá unha busca do tesouro para as crianzas e un obradoiro de mantemento de bicis.
O alcalde Manuel Campos sinalou que é unha oferta ampla para toda a poboación e que de ben seguro será todo un éxito.
As persoas interesadas deberán chamar o Departamento de cultura e Xuventude para poder anotarse nas diferentes actividades, para iso dispoñen do correo electrónico omix@concellodecuntis.es ou a través do teléfono 986 533 600.