Renovan de xeito integral o alumeado público de Campo Lameiro
Por Redacción
Co obxectivo de conseguir o 70% do aforro en gasto enerxético no alumeado público municipal, o Concello de Campo Lameiro está desenvolvendo diversas actuacións.
Esta mellora enerxética é posible grazas a unha subvención duns 300.000 euros de axudas a entidades locais para proxectos singulares que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). Así mesmo, conta coa colaboración económica da Deputación Provincial.
A adxudicataria do contrato, gañado en concurso, foi a firma pontevedresa Setga, que está a executar as obras a través da empresa local Gómez Viéitez.
A mellora no aforro enerxético previsto nesta actuación que pretende alcanzar o 95% da xeografía municipal permite renovar 1.200 puntos de luz e contará cunha diminución no consumo que os técnicos fixan nun 70% de electricidade con respecto ás luminarias que viñan prestando o servizo no alumeado actual.
En total, esta actuación contempla a instalación duns 7 quilómetros de cable eléctrico e uns 450 brazos de soporte das novas luminarias, ademais duns 20 proxectores instalados nas igrexas do municipio para mellorar o seu aspecto nocturno e realzar o seu valor arquitectónico e patrimonial, así como a instalación de 9 farois de última xeración na praza de Moimenta, na contorna da igrexa parroquial.
No proxecto tamén se contempla a instalación de reloxos astronómicos como sistema de control da iluminación en horarios nocturnos, cando sexa necesario, e sistemas de regulación de fluxo luminoso mediante preprogramación da luminaria.
Segundo o alcalde, Carlos Costa, "esta actuación permítenos dar un paso de xigante na modernización do alumeado público ao tempo que reducimos ao máximo a aportación de CO2 á atmósfera e que tamén diminuímos substancialmente o gasto en consumo eléctrico".
"Estamos comprobando que os novos puntos de luz aportan incluso maior luminosidade que os vellos ás zonas onde están ubicados o que están agradecendo os propios veciños e veciñas que ven nesta mellora un avance importante en seguridade vial e tamén en aforro enerxético", indicou o rexedor.